Val do Dubra entrega aos familiares os restos dos represaliados da fosa de Paramos

0

Val do Dubra, 28 de xullo do 2018 –  O concello de Val do Dubra organiza un acto solemne, as doce e media no auditorio de Bembibre, para entregar aos familiares os restos atopados na fosa común do atrio da igrexa de Paramos.

A Asociación da Recuperación da Memoria Histórica (A.R.M.H.),  a solicitude dos familiares, foi a encargada de exhumar e identificar os restos enterrados na fosa común do adro de Paramos o 24 de outubro do 2016. Alí estaban os restos de José María Castelo Mosquera, Manuel Pena Camino, Vicente Peña Tarrasa e Manuela Teiga. No acto intervirán representantes da ARMH, os alcaldes do Val do Dubra e Negreira, familiares e veciños que ao rematar o acto reuniranse en torno a un xantar de confraternidade.

Suceso

O golpe de Estado franquista de 1936 obrigou a que moitos homes e mulleres tiveran que fuxir para evitar a represión e a morte. Para poder sobrevivir individualmente e para loitar contra o sistema fascista que se estaba a impoñer, ocultáronse nos montes e despois organizáronse . Non eran bandidos nin foraxidos, loitaban pola lexitimidade democrática refrendada polas urnas en febreiro de 1936. A finais da Guerra Civil só nos montes de León e Galicia existían 20.000 homes relacionados coa guerrilla.

O Destacamento “Manolo Bello”

A partir do ano 1948 intensificouse a represión franquista para rematar con estes grupos refuxiados nos montes.  Esta presión fixo que os membros do Destacamento “Manolo Bello” pertencente á IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia,  formado por José María Castelo Mosquera -xefe do Destacamento- Vicente Peña Tarrasa, Manuel Pena Camino, Manuel Ramiro Souto e Carmen Temprano Salorio se ocultaran no lugar de Zas no concello de Negreira.

Traballos de exhumación na fosa de Paramos

O día 5 de marzo de 1949 ao mencer as forzas da Garda Civil rodearon a casa de Carmen Teiga onde estaba ocultos os guerrilleiros do Destacamento. Entablouse un combate no que  caiu ferida de morte Carmen Temprano Salorio, natural de Iñás-Oleiros que formaba parte do destacamento da guerrilla e que foi enterrada no cemiterio de Aro. Os compañeiros que lograron fuxir foron cercados de novo ás tres da tarde  no Km 23 da estrada de Portomouro a Santa Comba. Tivo lugar un novo enfrontamento onde foron abatidos todos os membros do destacamento José María Castelo Mosquera, Manuel Pena Camiño e Vicente Peña Tarrasa xunto con Manuela Teiga sobriña da dona da casa de Zas. Manuel Ramiro Souto  foi o único que logrou fuxir e morreu no ano 1952 durante un novo enfrontamento coas forzas da Garda Civil en Mesía. A continua represión desatada sobre os enlaces da guerrilla (a poboación civil que lles daba apoio) levou á cadea a numerosas persoas dos concellos de Negreira, A Baña e Val do Dubra.  Entre eles, a desaparición Erundino Vieto Baña da parroquia de Lañas-A Baña que foi un dos que  axudara aos membros da guerrilla. Nunca máis se soubo del. Hoxe a familia segue a búscalo.

Xustiza, dignidade e memoria

 A concelleira de Val do Dubra Celsa Oreiro explica que os veciños de Paramos mantiveron a memoria de estes feitos aínda que as últimas xeracións puideran dudar da súa veracidade

A concelleira lembra que unha das consecuencias da represión franquista foi o sentimento de culpabilidade que instaurou en moitas persoas, algo que se reflicte no acto xa que aínda a día de hoxe hai familiares que non ven con bos ollos esta recuperación

Para Celsa Oreiro trátase dun acto de dignidadeno que colaborou de bo grado mesmo a igrexa

No mesmo sentido exprésase o alcalde de Negreira Jorge Tuñas que considera este un acto de conciencia e vota de menos máis implicacións das administracións

A Asociación da Recuperación da Memoria Histórica fixo un pequeno vídeo, que se pode ver a continuación, de como foi o proceso de exhumación dos restos que hoxe recibirán as familias.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial