Van 25 anos de Pulp Fiction e Mandingo non podía pasar esta data por alto

0

Coa escusa do vixésimo quinto aniversario da estrea do filme PULP FICTION imos aparcar as críticas que facemos tódolos venres das novidades nas grelas do audiovisual, para ofrecer cumprida homenaxe a opus magnum do director e guionista Quentin Tarantino, túrmix cinéfago de proporcións bíblicas e “o mellor cineasta da súa xeración”, Peter Bogdanovich, dixit.

Pero para calibrar a importancia que ten PULP FICTION e a súa influencia cara outras producións precisamos coñecer ao personaxe principal. Moito falouse e escribiuse sobre Tarantino (de agora en diante “QT”) e a súa obra, así que mellor que repetir lendas xa coñecidas, tentaremos contar outros aspectos menos coñecidos do filme coma lectura sen máis ambicións que de pasar un entretido intre nesta Semana Santa previa ao cataclismo electoral do vindeiro 28 de abril.

Nado no 1963 (Knoxille, Tennessee) nunha familia desestruturada, de moi cativo marchou coa súa nai aos arrabaldes do sur de Los Ángeles, onde mesturouse coas diversas comunidades raciais, escoitando e impregnándose das xergas e as culturas propias das minorías étnicas. De moi novo sentiu a inquedanza da interpretación e enrolouse nos diversos talleres de teatro das escolas nas que estudaba; pero foi traballando nun videoclube onde forxouse todo esa lenda que desembocaría nunha excepcional carreira cinematográfica.

QT non dubida que todos eses milleiros de filmes visionados no traballo e os posteriores parlamentos cos compañeiros (especialmente co seu outrora amigo Roger Avary) foron a mellor academia posible. Os críticos de QT (hainos, pero ben poucos) soen sentenciar que non é un prodixio de orixinalidade, que ten habilidade para coller trinta, cincuenta secuencias de filmes de serie-b e optimizalas nunha única película. Certo é que vai algo diso, pero coma Picasso (que ollaba o traballo dos seus colegas e logo amplificaba a uns niveis maxistrais), QT consegue un selo de autoría propia, moi recoñecible e que influíu notoriamente o Cinema do derradeiro cuarto de século.

Tralo éxito da súa ópera prima, a extraordinaria RESERVOIR DOGS (1992), tardou tres anos e unha fuxida a Amsterdam (xunto a Avary) para rematar un guión preconcibido nas dúas terceiras partes anos atrás (dun tamaño descomunal ideado para unha triloxía sobre as venturas de Vic Vega, tendo coma xerme orixinal o PANDEMONIUM REGINS de Avary).

Tras tres fumentos meses na cidade holandesa o escrito afinouse nun prodixio de tres historias distintas entre si, entrecruzadas na liña temporal, chea de flash-backs (saltos retrospectivos) e flash-forwards (saltos prospectivos) e que non preséntanse na orde cronolóxica na que acontecen. A secuencia inicial, o atraco a cafetería, na súa escena máis impactante curta cun fundido negro, chegan os títulos de crédito e ata o final da película non haberá resolución da mesma. Unha apertura que lembra o THE KILLERS (1946) de Siodmak e que bebe discretamente na edición do SHORT CUTS (1993) de Altman.

Lawrence Bender, o seu produtor, acordou coa Jersey Films de Danny DeVito facela película. A traba chegou cando o CEO de TriStar Mike Medvoy (empresa nai da produtora de DeVito) non deu o beneplácito por considerala “too demented” no exceso; pero lonxe de caer no desánimo, Bender moveu o escrito ata caer nas mans do sátrapa Harvey Weinstein que entusiasmado coa súa lectura (cada pouco chamaba por teléfono a QT para que lle adiantara o que acontecía no texto) xuntou as vimbias necesarias para iniciala pre-produción.

Cun moi axustado orzamento (8 millóns no total, para unha recadación de 214 millóns) o seguinte paso era a selección dos intérpretes. Coma no cento por cento dos filmes, moitos nomes baralláronse antes de chegar co reparto final. Michael Madsen, que tería que interpretar a Vincent Vega andaba na rodaxe do WYATT EARP (1994) de Kasdan. Para o papel, houbo decenas de nomes dende Daniel Day Lewis, Bruce Willis ou James Gandolfini (que recomendou a Travolta para o mesmo).

Durante unha grellada na casa de Harvey Keitel, (que xa tiña outorgado o papel de Mr. Wolf, o único interprete no que pensou QT coma recoñecemento ao tremendo apoio que Keitel fixo para RESERVOIR DOGS -cartos do seu peto inclusive-), Bruce Willis aceptou selo boxeador Butch, trala negativa previa de Mickey Rourke que rexeitouno case sen habelo lido (moito arrepentiríase tempo despois). Foi de feito Keitel o que presentou a QT ante Willis, naquel intre unha das estrelas máis fiables cara as recadacións. Xa tiñan, por tanto, o gancho cara o grande público. Pero os cartos non sobraban, así que QT pagou 20.000 dólares semanais a cada actriz e actor principal e eles rodaban nos ocos libres doutras rodaxes. Foi unha sorte de produción case imposible de conseguir hoxe no día.

Para o papel de Mia, tamén saíron ducias de nomes e aínda ca favorita de QT era Michelle Pfeiffer, a elixida foi Julia Louis-Dreyfus, moi na moda catódica pola exitosa serie SEINFELD (1989-98), pero os responsables da sit-com non deron o visto bo e finalmente Uma Thurman, despois de que QT léralle enteiro o seu papel por teléfono, aceptou sela musa futura do cineasta. Para o papel do seu marido, Marsellus, o elexido foi Ving Rhames, trala renuncia de Max Swien que non aturaba a idea da violencia que sofre no soto da tenda de empeños.

Pero para o papel preferido pola maioría dos incondicionais do filme, Jules Winnfield, pódese dicir que a Samuel L. Jackson tocoulle a lotería (tampouco ía ser el no principio) e aínda que o deseño na estética de Winnfield (trabucáronse de perruca -tiña que ser moito máis “Afro”-) non entusiasmou a QT, Jackson márcase un Han Solo e apodérase do filme. Algo semellante podemos dicir de Travolta que dende aquela, bica sempre por onde pasa QT. O que estaba chamado a liderar a súa xeración con eloxiosas críticas da poderosa Pauline Klee, andaba medio perdido nese esquecido pozo das producións de medio pelo (pensade na carreira dos últimos lustros de Nicolas Cage e podedes facervos unha boa idea).

O 20 de setembro de 1993 arrancaba a rodaxe que duraría ata o 30 de novembro. O reto de QT era contar unha historia (tres, na realidade) inundado de sonoridades atípicas (folk, rock, música surf) nun suposto film-noir. O propio QT dixo que nunca entendera a música surf coma algo propio dos surfeiros. “Máis ben é coma o Rock´n Roll dos “spaghetti western” e esta película é unha especie diso” sentenciara na defensa do filme.

Coido que PULP FICTION ten difícil catalogación coma xénero cinematográfico, xa que a súa xenialidade radica en mesturar numerosas situacións que lindan dende o humor negro ata as tensións narrativas case imposibles de imaxinar. O seu visionado é aditivo conforme avanza a metraxe e o encaixe das historias prodúcese coma sorte final ante a resolución dun aparente complexo quebracabezas. Poucas veces pasoume ver unha marea de emocións, risas ou suspiros nunha perfecta comuñón na totalidade dos espectadores que enchían o cine. Unha experiencia que medra sempre que vólvese ver ou cando lembras determinadas secuencias ou frases. Por que nos diálogos é onde QT eleva ao máximo o seu talento, e na mente de todos van intres absolutamente memorables que por falso pudor non vou reproducir aquí.

Aínda que non foi o primeiro, moito do triunfo na áxil produción débese a por aquela entón incipiente técnica de poder ollar in situ o filmado, grazas a tecnoloxía do vídeo.  Doulle folgos para deixar a Robert Rodríguez dirixila cámara mentres QT estaba diante dela interpretando a Jimmie (tan bo director coma é e mira que coma actor…). Por que a pesares da imaxe que poida dar, “QT é un director que ten metida a película completa na súa testa, cunha querenza pola meticulosidade e unha intensidade na rodaxe case que frenética” coma diría tempo despois Samuel L. Jackson.

E a grande pregunta que todos fixeron ao remate do filme. ¿Que contiña o maletín?. Contrariamente ao que quedou coma versión oficial, non ten a ánima de Marsellus a pesar do fermosa da historia que vai tras ela. O Demo quita a ánima dos condenados pola caluga, Marsellus leva unha ferida no cocote, a contrasinal da maleta é 666, dela sae un dourado e hipnótico esplendor…

Orixinalmente, levaba diamantes. Os mesmos diamantes que Vic Vega (Michael Madsen) roubaba no RESERVOIR DOGS (1992). Para rematar con tantas hipóteses do fandom, no 2003, no programa de radio do inclasificable Howard Stern, QT recoñece implicitamente a influencia do Buñuel de BELLE DE JOUR (1967) e di aquelo de que no maletín vai “aquelo que ti queiras”, nunha clara chiscadela ao xenio de Calanda, cando preguntáronlle o mesmo sobre a orixe do inquedo zumbido da caixa que lle amosan a Catherine Deneuve. “O que vostede queira”, diría o aragonés.

PULP FICTION, ten cumpridas homenaxes a clásicos do Cine, algúns moi evidentes coma a violación que sufre Bobby no DELIVERANCE (1972) de Boorman. “Vina con 9 anos e aínda que non sabía o que realmente facían eses mazarocos do monte, sospeitaba que Ned Beatty non estaba pasándoo ben, precisamente”. Ou a baila que botan unha tensa Thurman (a presenza do mítico Tony Manero dáballe moita inseguridade) e Travolta, inspirada no twist da BANDE À PART (1964) do plúmbeo Godard e tamén na danza entre Gloria e Mario no 8½ (1963) de Fellini.

Máis de fixarse son o atropelo de Marsellus -PSYCHO (1960) de Hitchcock-, a intrahistoria da valixa na KISS ME DEADLY (1955) de Aldrich, as historias entrelazadas do BLACK SABBATH (1963) de Bava ou a steadycam na entrada ao Jack Rabbit Slim´s coma fixera Scorsese no seu GODFELLAS (1990). Pero isto que nas mans doutro podería ser un “curta e pega” no caso do cineasta estadounidense tradúcese coma meros aderezos entre pares do mesmo nivel.

Gañadora da Palma de Ouro no Festival de Cannes de 1994, presidido por Clint Eastwood, algúns cualificárona coma violenta no exceso (só ten 10 segundo explícitos); levou ata corenta galardóns internacionais, entre eles o Oscar ao Mellor Guión Orixinal no 1995. Estivo nomeada a seis Oscar máis, entre eles Mellor Película, pero ese premio foi parar para ¡FORREST GUMP! (non máis preguntas, Señoría…).

No 2007 o American Film Institute situouna no posto 94 dos “Máis Grandes Filmes de Tódolos Tempos” e xa no 2013, a Biblioteca do Congreso dos EE.UU. encargou a súa preservación no National Film Registry pola súa “relevancia cultural, histórica e esteticamente significativa”.

A influenza que PULP FICTION e o resto da súa obra ten nestes últimos cinco lustros entre os novos cineastas (¿que sería de Guy Ritchie sen QT?) ou a admiración dos seus contemporáneos (coma esa insospeitada e recíproca con Pedro Almodóvar) converte a esta película nunha obra non xa de culto (que tamén), próxima a máxima cualificación posible. O propio QT non dubida que é polo de agora o seu mellor traballo e a escena do baile, o mellor que rodou endexamáis.

Coincido co primeiro, discrepo co segundo, xa ca chegada do Capitán Koons (un Christopher Walken que sen ensaiar na previa solta ese discurso contendo as gargalladas, e parando case o remate por esquecer as súas liñas) ante o neno Butch é un dos mellores e máis hilarantes intres que gocei nunha sala de cinema.

Quedan no tinteiro anécdotas coma para facer outro artigo, pero non resisto a contar dúas delas. PULP FICTION bateu no seu intre, o rexistro que tiña o SCARFACE (1983) de De Palma no uso da palabra “fuck”, escoitada por vez primeira no BONNIE AND CLYDE (1967) de Penn. O filme de QT deixou a cifra nuns contundentes 265 (1´7 por minuto), ata que chegou THE WOLF OF WALL STREET (2013) de Scorsese e elevouno ata 506 (2´8 por minuto).

Ten moita importancia semellante dato?. Non moita, a verdade, pero sospeito que non é de amplo coñecemento. A segunda curiosidade é que Jules (Samuel L. Jackson) si que deixa a súa carreira delituosa e convértese nun “errante” que descubrimos ao inicio do filme KILL BILL: VOL. 2 (2004), tocando o piano baixo o nome de Rufus.

Agardo que fora do voso agrado este repaso breve e sinxelo dun filme capital para entender a evolución do Cine nas últimas décadas. E coma epílogo non podo resistila tentación de recomendarvos que vaiades nestas datas tan especiais ao cinema a gozar ata niveis orgásmicos da re-estrea do filme LIFE OF BRIAN (1979), dos inigualables Monty Python, cumio da comedia máis intelixente, surrealista e transgresora posible da Historia do Cine, ideal para amenizalo voso tempo entre tantas procesións, que non todo vai ser caperuzos, teas e cruces (aquí no Estado, non os outros que tamén van en formacións con madeiros, as facianas tapadas e lumes gamadas).

Boa ponte. Gozádea os que non traballedes. Os demais, pois…

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial