Variedade de estreas na crítica semanal de Mandingo

0

Novo venres e novas estreas que traemos cunha variedade que sospeitamos abarcará case todo o espectro cinéfilo dos siareiros dos que presumimos ter no noso rédito coma contacontos indómito. Case nunca sinalo a importancia dos nosos lectores dando por boa a correspondente resposta de agradecemento, pero nesta ocasión de maneira explícita douvos a todos vos grazas por seguir lendo as trapalladas que saen da miña escasa habilidade neuronal.

E para festexar xa o terceiro ano de compaña mutua, que mellor que comezar pola celtibera serie JUSTO ANTES DE CRISTO (2019), ambientada na época mutante do troco de réxime entre a República e o Imperio na Roma inmortal e sanguinolenta. Serie xurdida vai tempo polas mentes ociosas de Juan Maidagán e Pepón Montero, dupla artística que xa coñecíamos por esa errada tentativa de recrear unha scifi sit-com na tradición máis túzara das gozadas (vai xa tempo atrás) RED DWARF (1988- 2017) ou QUARK (1977-1978), míticas producións que lembramos coma xoias nerds da nosa infancia.

Nesta ocasión estamos ante unha moi ornamentada produción, escasa no seu orzamento, pero cun moi ben aproveitado deseño na arte e dos sets de rodaxe grazas a colaboración no atrezzo ofrecido polos case inesgotables almacéns da icónica Cinecittá. Cunha certa pericia ocultan esa carestía de medios coma no seu tempo fixera Ridley Scott para esa formidable odisea napoleónica titulada THE DUELLISTS (1977), pero tampouco é unha apoloxía triunfal coma na memorable ROME (2005-2007) de longo o mellor peplum catódico endexamais filmado para a pequena pantalla, moi superior a excesiva SPARTACUS: BLOOD AND SAND (2010-2013) e a prescindible HISPANIA, LA LEYENDA (2010-2012).

Vai no noso recoñecemento a magnífica campaña de publicidade feita polos responsables da serie, de só seis capítulos de menos de media hora cada un. Vese dun tirón esta suposta comedia onde persoalmente non rin nin sorrín. Non sei se foi cousa miña ou co mellor está pensada para outro espectador  mais proclive a inhalación de fumes recreativos que facilitan a dixestión audiovisual. O certo é que o mono-rexistro do ¿actor? Julián López e a versión menos asilvestrada do cómico local Xosé A. Touriñán (¡por Tutatis que non mude nun novo Xan das Bolas!) non funciona.

Pero non tanto por culpa deles, senón pola anemia na trama argumental, o seu desenrolo e o morno nos seus supostos hilarantes diálogos. Eles mesmos argumentan que non vai nada de inspiración da memorable LIFE OF BRIAN (1979) -abofé que conseguírono-; e que tentan seguila senda aberta pola tamén magnífica M.A.S.H (1972-1983), onde mestúrase situacións dramáticas revestidas da sorna e da irreverencia do mellor humor contracorrente xurdido a finais dos Sesenta e comezos dos Setenta. Pois vai ser que non, meus.

Non cae no humor groso e basto de series tipo LA QUE SE AVECINA e derivados caducos. Lembra máis as versións menos favorecidas dos CÁMARA CAFÉ, VAYA SEMANITA ou MUSEO COCONUT, producións de recheo na grela das canles que teñen a aceptación que teñen cos danos cerebrais irreversibles inherentes.

Se queredes gozar dunha serie orixinal e refrescante, non dubidedes no visionado da norueguesa VIKINGANE (2016- ), moi curiosa lenda histórica deses tolos do auténtico Norte coma xa vos comentáramos na crítica do pasado 7 de decembro do 2018.

Pero coma diciamos, non rouba moito do noso tempo e é de agradecer alo menos iso. Coma tamén acontece no filme PET SEMATARY (2019) revisión do filme homónimo de 1989, que moito incondicional do terror oitentero tena por unha das mellores películas daquela década.

Non coincido con ese entusiasmo aínda que recoñezo que no seu intre gocei co filme de Mary Lambert, conseguida recreación da novela dese prolífico e na maiorías das ocasións previsible escritor chamado Stephen King. O filme orixinal contaba ademais coa impagable presenza do lendario actor Fred Gwyne, o cabeceira de familia da inesquecible THE MUNSTERS (1964-1966) apoloxía ácrata-anarquista que invadiu os fogares de tantas familias de ben, xentes de orde e boas maneiras.

Para a miña sorpresa (e levado pola nostalxia nos acordes do tema principal composto pola mellor banda de Rock que nunca foi, os RAMONES), levei mellor impresión da agardada. Certo que non mellora a de Lambert (ese cativo-zombi con esa navalla cortando tendóns…) e que vai mais politicamente correcta, pero ten un ritmo áxil, que non tenta lidar coa intelixencia do espectador, cunhas coidadas calidades e cunha acertado reparto artístico (sempre é un pracer gozar co grande John Ligthgow).

Se non coñecedes a novela ou o filme primixenio, gozaredes bastante do narrado. E para os que sospeitan da historia, sen mover moito da trama principal, ten un epílogo ben digno. Moito máis do que suxeriu o propio King, que nesta ocasión non asina o guión e deixa tal labor a Matt Greenberg (que ten no seu escrito para a deliciosa película de serie-b REING OF FIRE (2002) o seu mellor achado) e Jeff Buhler.

Se queredes pasar inquedanzas diante da grande pantalla nesta vindeira Semana Santa, non é unha mala opción; moito, moitísimo mellor ca sufrida na pésima ESCAPE ROOM (2019) de Adam Robitel.

Coma xa sabedes, o meu sentido arácnido avisa cando vou ver unha trapallada do quince. Nesta ocasión, a pesares do incrible zumbido, fun cuns grandes bemoles coma pago pola dor e os sufrimentos que dende a cúpula episcopal recomendan ter nesta presente vida. E coma eu vou bautizado nas augas do Xordán, dou por boa esta merecida penitencia que de seguro algo fixen para merecer esta tortura. Grazas bispo de Alcalá. Só desexo que tamén vostede teña unha lonxeva e tortuosa vida; tremendo fillo de Deus…

Coma dicía, a sinopse non ten moita defensa e ben co sinto xa que Bragi F. Schut, o guionista, contáranos tempo atrás unha moi digna lenda de terror medieval na boa SEASON OF THE WITCH (2011) de Dominic Sena. Con seguridade, da mellor selección que Nicolas Cage fixo nos derradeiros lustros de indixesta enchente da súa carreira.

Seis persoas achéganse coma cobaias para unha sorte de control de calidade dunha atracción futura onde a xente solta con gozo os seus cartos para vivir experiencias de alta intensidade (semellante aos que chimpan atados cunhas cordas polas pontes, os que practican paracaidismo ou os que tentan comprendelo recibo da luz e gas). Supoño que vai xente para todo, así que os fanáticos deste tipo de historias, onde non esixen nin argumentos cunha certa solvencia narrativa ou dun mínimo esforzo na descrición nos roles estarán no seu prebe.

No resumo; situacións absurdas que non teñen lóxica posible, tópicos tantas veces xa sufridos nas películas de xénero… Non podo recomendar isto, a non ser que queirades facerlle ao voso cuñado cumprida vinganza polo memorando político que tivestes que aturar no pasado Nadal, na casa da vosa sogro, ese mesmo que dende o primeiro intre catouvos as vosas deshonestas intencións.

Non perdámolo noso tempo nesta simpleza indigna dos nosos lectores e agasallemos cunha insospeitada e ben entretida aventura de súper-heroe tan atípica no actual panorama de seres que soen levar a muda interna por enriba dos seus pantalóns.

Falamos do SHAZAM! (2019) de David F. Sandberg, ben merecido e revitalizante exemplo de filme de aventuras para tódolos públicos, sen que implique unha rebaixa nas calidades e seguimento tanto da historia, coma da complicidade do fandom. ¡Ollo!, que partimos da base dun entretemento sen máis obxectivo que pasar algo máis de dúas horas divertidas cos nosos cativos ou non, coma diría Mariano, ese home xurdido fora do seu Tempo.

Cun claro obxectivo entre os máis novos, SHAZAM! non rexeita as querenzas dos nerds máis vellos desta ou doutras afastadas galaxias e aínda que van arquetipos previsibles no filme (outra vez a pouca importancia que danlle aos inimigos dos heroes, chámense Mark Strong ou Santiago Abascal), o certo é co filme rexuvenece a fórmula xa case esgotada da Marvel disneriana ou da Warner máis adulta.

É unha feliz versión para rapaces dende 9 a 99 anos desa troula tola que foi o DEADPOOL (2016) de Tim Miller, coas acertadas chiscadelas ao THE GREATEST AMERICAN HERO (1981-1986), sazonado todo por outras homenaxes a películas iconas dos Oitenta (son moi evidentes e escuso citalas; mellor descubrídeas vos, que sempre é máis divertido).

Unha desmitificación deses tipos marxinais, solitarios e incomprendidos, que tarde ou cedo marchan cara o horizonte crepuscular coma mitos que esvaécense co tempo, como dixo o Xeneral MacArthur no seu momento e que nesta oportunidade, aprobamos con mérito xa co protagonista vai moi lonxe de ser un Ethan Edwards ou Bruce Wayne.

O bo de ver cinema sen moito pre-estudo das producións (e que recomendo coma práctica saudable para non morrer de aburrimento ante tanto spoiler) é que de cando na vez levas unha ledicia moi reconfortante ao saír das salas de proxeccións.

Sorprendeume para ben, recoñézoo e non me doen prendas en dicilo a pesar das pintas que gasta o jicho (non coñecía as orixes deste heroe -son tantos- pero vai respeto a unha creación que cumpre os mesmos anos co xenial Martin Scorsese. ¡Oitenta!, ¡aí é nada a cousa!).

Os pequenos e mozos gozarán do filme, nunha produción que vai superior na media do ofertado recentemente, chámese AQUAMAN, VENOM, MORTAL ENGINES ou se apurádesme no sprint final, a CAPTAIN MARVEL ou a nefasta nova triloxía de STAR WARS.

Máis nada por hoxe. Aqueles que teñan algún amigo afroamericano que descoñeza as procesións dos vindeiros xoves e venres, amosádelle algunha e filmade a súa faciana como impagable souvenir; e non deixedes de ir o cinema, que os profesionais do sector teñan que comer coma nós.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial