займ срочно

Vedra protagonista dunha exposición en Bos Aires

0

Vedra, 15 de xullo do 2019 – O Museo da Emigración Galega na Arxentina, en Bos Aires, iniciou os actos do centenario da Federación de Sociedades Galegas( FSG) coa inauguración dun ciclo de exposicións de homenaxe ás doce entidades fundadoras, comezando pola de Vedra.

Bos Aires acolle desde o xoves unha mostra sobre a Sociedade de Residentes de Vedra, unha das fundadoras da Federación e impulsora de moitos proxectos aquí en Galicia.

Baixo o título de “Sociedade Residentes do Municipio de Vedra en Buenos Aires: pioneiros, solidarios, transformadores”, o  MEGA exhibe documentación sobre a actividade  societaria durante o século  XX. Revistas de gran valor impulsadas pola institución como “Unión de Teo e Vedra” e nas que figuran, por exemplo, obras orixinais realizadas polo artista e  escenógrafo valenciano  Gori Muñoz e tamén fotografías, selos e pezas tradicionais.

Trátase dun percorrido centenario a través dos fondos que conserva esta institución e que deixa de manifesto o labor solidario realizado polos seus integrantes para transformar e modernizar o concello de Vedra con axudas económicas, construción de escolas e pontes, mellora de camiños e cemiterios, e mesmo a creación dunha caixa rural de préstamos para labradores ou o apoio aos sindicatos de agricultores nun momento de claro despegamento da economía galega.

Emilia Cebeiro

No acto estiveron presentes integrantes da actual comisión directiva da Sociedade Residentes do Municipio de Vedra en Bos Aires, como a nova María Emilia  Cebeiro,  quen nunha improvisada intervención rememorou como foi a súa  reconexión coa terra e a cultura dos seus avós. “Claramente a emigración doe e cada un a toma como pode”, arrincou o seu relato. “A miña avoa viviu ata os meus 15 anos, non tiña ningún acento español, nunca falou de Galicia e cando a miña mamá quería falar co meu avó (da súa terra), a miña avoa calaba”, explicou  Cebeiro. Pero a pesar da falta de “incentivo” por parte da súa avoa para “continuar coa tradición ou o contacto coas sociedades”, o seu pai transmitiulle ese sentimento de pertenza e as casualidades fixeron que volvese vincularse dunha maneira moi especial coa familia residente neste concello galego.

Na súa alocución, a directora do  MEGA,  Hebe Mabel Otero, destacou que ese era precisamente o obxectivo do seu equipo, contribuír con este tipo de propostas  museolóxicas a transmitir ás novas xeracións a cultura dos seus antepasados galegos para lograr “que persista no tempo”. “Temos que volver as páxinas para atrás e saber que se non investigamos, non imos saber por que estamos acá”, aseverou.

Responsable do Museo da Emiigración en Bos Aires

Pola súa banda, o titular da  FAGRA e integrante tamén da sociedade homenaxeada, Diego Martínez Duro, remarcou a relevancia destas  microsociedades que lle deron “a razón de ser” á Federación e onde a Sociedade Residentes do Municipio de Vedra tivo un papel preponderante. “Vedra foi das máis emblemáticas desde o ideolóxico na fundación desta casa, a tal punto de non ter sede propia aquí e comprar unha en Vedra para que os agricultores de alí puidesen progresar”, sinalou. Unha casa que lle “sacaron á sociedade cando veu o golpe” e que, segundo o dirixente, reclamaron ata principios dos anos 90. “Hoxe en Galicia hai un reclamo por un Pazo de Meirás, algo que tamén sacara o franquismo, e capaz habería que empezar a reclamar máis este tipo de cousas  e pedir non só que devolvan a casa, senón que as actuais autoridades do municipio de Vedra (en Galicia) devolvan os documentos que levaron de aquí”, aseverou Martínez Duro. “Pedirémolos de boas maneiras, como o vimos facendo desde hai anos, viaxe tras viaxe, e se non os logramos pedirémolos da forma legal que haxa que pedilos”, rematou.

No ano 1944, tras a Guerra Civil, a Sociedade Residentes do Municipio de Vedra en Bos Aires modifica a finalidade das súas accións. En plena ditadura franquista xa non se pode contribuír no propio concello e os emigrantes de Vedra en envórcanse nun labor  mutualista, con asistencia médica para os seus asociados, pago de enterros, billetes de chamada ou retorno, axuda a familias necesitadas, etc. Por iso, este traballo  museográfico está pensado tamén como tributo a todos os socios e integrantes das diferentes comisións directivas do Municipio en Buenos Aires, principal destino migratorio dos vedreses nas primeiras décadas do século  XX, seguido por Cuba e Uruguai, aínda que só existen rexistros de asociacionismo na capital arxentina.

Entre as particularidades desta sociedade que poderán apreciarse na exposición do  MEGA, aberta ao público ata mediados de agosto, destacan a incrible capacidade de convocatoria que tiña a Vedra porteña a cada un dos seus eventos para recadar fondos, coa participación de orquestras e conxuntos musicais de renome na época, como a soada “Varela  Varelita” ou as actuacións de Osvaldo  Pugliese, entre outros. Integrantes dos grupos de folclore galego da casa, ” Dúas Beiras” e ” Estróupele”, amenizaron a presentación desta mostra con algunhas pezas de música e baile tradicional facendo honra ás históricas verbenas desta institución.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies