Vedra volve ao mecenazgo da Fundación Rosalía de Castro

0

Padrón, 16 de febreiro do 2021 – Vedra converteuse no oitavo concello mecenas da Fundación Rosalía de Castro dentro do proceso de subscricións populares posto en marcha desde a directiva do ente cultural.

O alcalde de Vedra,  Carlos Martínez Carrillo, foi o encargado de asinar o convenio en representación do concello. En virtude do acordo o concello achega 1.000 euros, tanto os escolares do municipio como as asociacións culturais poderán ter visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía. Polas restricións da Covid, ata que estes tipo de visitas se permita, a veciñanza de Vedra poderá visitar o museo acreditando documentalmente a súa procedencia.

Campaña de apoios

A Fundación Rosalía de Castro ven de poñer en marcha unha recollida de apoios de empresas, entidades públicas e persoas individuais para a mellora e sostemento da Casa da Matanza. En palabras do presidente, Anxo Angueira, a casa onde naceu Rosalía  “é a causa común de Galicia”.

Centos de persoas xa se converteron en Amigas da Casa de Rosalía ao apoiar desde 20 euros ao ano a independencia económica e cultural desta institución. A subscrición popular está a ser un grande éxito e moitos pequenos negocios tamén son xa Protectores (desde 60€/ano), así como varias grandes empresas da comarca, que xunto cos concellos poden exercer de Mecenas da Casa a partir de 1.000 euros ao ano.

 “En 2019 acadamos unha taxa de autofinanciamento próxima ó 50%, que é unha cifra considerable”, afirmou Anxo Angueira. “Porén esta nova crise supuxo un duro revés. Grazas a estes apoios estamos resistindo e afrontamos o futuro coa maior das ilusións. Seguiremos intentando facer o mellor servizo posíbel á causa da difusión nacional e internacional do legado de Rosalía e da súa familia”.

Segunda subscrición popular

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Case 50 anos despois esta institución –que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial