Vodas de prata do festival Galicreques

0

Compostela, 6 de outubro do 2020 – O Festival Internacional Galicreques celebrará este ano o seu vixésimo quinto aniversario cunha edición especial marcada polas circunstancias sanitarias.

Galicreques ofrecerá ao longo de nove xornadas máis de 40 funcións de máis de vinte compañías. Espectáculos que  proceden maioritariamente de Galicia, pero cunha importante presenza de formacións chegadas de Valencia, Andalucía, Euskadi, Salamanca ou Aragón. O carácter internacional manterase coa participación de compañías e artistas procedentes de Brasil, México, Portugal ou Arxentina.

Galicreques está organizado pola Asociación Barriga Verde, Conta co apoio do Concello de Santiago, a Consellería de Cultura e Educación a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña e o Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (Inaem).

A presentación correu a cargo da concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o deputado de Cultura da Deputación de Cultura, Xurxo Couto, e o director do festival, Jorge Rey.

Vodas de prata do festival GalicrequesXornada inaugural

A programación arrincará este sábado, 10 outubro, con seis actuacións repartidas en diferentes espazos. A primeira sesión será unha ruada que partirá ás 13.00 h. da Praza do Toural e que correrá a cargo da compañía galega Fantoches Baj. Unha hora máis tarde, ás 14.00 h., a formación galaico-francesa Moving Compass representará en Praterías o espectáculo Os limpabotas.

Nese mesmo espazo, ás 17.00 h., a quenda será para a arxentina Sofía Ferrari e o seu Crucu Show, que tamén contará cun pase ás 13.00 h. pola xa tradicional Carpa da Alameda. Outro parque, o Parque de Vista Alegre, converterase dende o primeiro día noutra das sedes ao aire libre deste festival. Alí, nos exteriores do edificio SGAE; ás 18.00 actuará de novo Moving Compass. CUnha xornada tan intensa comezará un festival que pasará tamén polo Teatro Principal e os centros socioculturais de Santa Marta, Vite, Conxo, Fontiñas ou do Castiñeiriño.

Catro estreas e programación para escolas

O Teatro Principal acollerá ao longo da semana catro estreas, unha delas dun espectáculo que coproduce o Festival. A primeira obra nova será Miragres, un traballo conxunto das formacións Spaguetti, Micromina e os músicos Uxía Muíño e Bernardo Martínez. A estrea será o xoves 15 de outubro ás 20.00 h.

Ao día seguinte, á mesma hora, a compañía portuguesa Krisálida presentara Plastikus.

O sábado poderemos ver a obra do mexicano Víctor Biau El hombre que plantaba árboles, obra coproducida por Galicreques.

Por último, o domingo chegará a quenda de Moving Compass, que presentará por vez primeira tamén ás 20.00 h. a peza Gaia Baba.

Programación especial para os colexios

Unha das marcas do festival eran as funcións para escolares que este ano, pola crise sanitaria, non se poderán levan a cabo. En todo caso neste 25 aniversario, o festival non renunciará á relación cos colexios polo que porá en disposición do centros un programa escolar en liña e totalmente gratuíto. Cada día da semana lectiva, é dicir do 12 ao 16 de outubro, ás 12.00 h. ofreceranse por unha canle do Galicreques espectáculos de diferentes duracións de compañías de Ecuador, Arxentina, Uruguai, Venezuela e Galicia. Os centros interesados en acceder a estes espectáculos poderán solicitalo ao enviar un correo a galicreques@titerescachirulo.gal e culturalbarrigaverde@gmail.com.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial