Mandingo retoma o pulso máis actual do audiovisual televisivo coa insospeitadamente exitosa miniserie THE END OF THE F***ING WORLD e a nova estrea, coma cada ano, do xenial Woody Allen, WONDER WHEEL.

En setembro do 2013 publicouse o cómic (os pomposos dirán aquelo de “novela gráfica”) THE END OF THE FUCKING WORLD, xurdido da mente de Charles S. Forman. Obra que en moi pouco tempo tivo unha certa relevancia dentro do sector máis “indie” do mundo das autoeditoriais underground. Por mor do boca orella, chega as mans dos prebostes da Channel 4 británica e, no 2017, lánzanse a producir a primeira tempada de oito episodios.

James, que está a piques de cumprir a maioría idade, sospeita que é un asasino en serie. Non ten a certeza absoluta, pero coma dun Jeffrey Dahmer fora, desde moi cativo xa mostra querencia por matar animais, degolalos, descuartizalos… Coma non lle chega dabondo, busca máis subida da adrenalina e de neno, mete a man nunha freídora con aceite fervendo “para ver o qué se sinte”.

Vaia, moi normaliño non é, a verdade.

Alyssa é unha adolescente que non entra nas pulsións máis típicas da mocidade que lle rodea, (léase o gusto de comunicarse coas amigas polo móbil cando comparten a mesma mesa) e auto exclúese do rabaño, converténdose nunha “freak like me” que diría Macy Gray. Irremediablemente, nun intre séntese atraída polo rariño de James, nada máis visualizalo.

Dúas ánimas en pena, que conxugan tódolos traumas propios da mocidade, agravados pola especial personalidade de inadaptados totais. Axuda que os seus entornos familiares sexan, no caso do rapaz, un pesadelo diario que lembra a traxedia da que foi testemuña e de ter un pai tan indulxente coma papamoscas?. E no caso da moza, préstalle vivir nunha casa coa súa nai que pretende ser unha eterna adolescente, risoñamente “naiff” (treme, Doris Day…) e o seu padrasto, un noxento e de mans lixeiras chulopiscinas?.

Semella que moito non axuda, non.

O retrato que fai o guionista Charlie Covell do mundo “dos maiores” ós ollos dos xoves, é demoledor. Non chega a boutade transgresora de Bastian Vives e o seu impactante tebeo LA FAMILLE, pero no ten indulxencia para esa época vital de cada un de nos, na que pensamos que seguimos a ser “enrollados”, “molones” e incluso “güays” para unha nova xeración de rapaces, que ven nos seus proxenitores, ferramentas anquilosadas e obsoletas.

Fartos de non ter cabida, os nosos protagonistas deciden fuxir cara diante, coma se dun Clarence Worley e dunha Alabama Whitman tratárase. Non coma se fora un amor verdadeiro o principio, más ben coma un amor a pelacorpo, que asinaría a versión máis acolchada de Quentin Tarantino.

Aínda que é unha produción británica, os continuos chiscos ó subxénero das road movies estadounidenses é intencionadamente evidente por parte dos seus directores, Jonathan Entwistle e Lucy Tcherniak. Van moitas horas visionadas de filmes coma TRUE ROMANCE (1993), WILD AT A HEART (1990) ou THELMA & LOUISE (1991), por citar só uns dos moitos que véñenme a mente.

Disfruto con xenerosidade da pericia da fotografía dos noveis Justin Brown e Ben Fordesman, que suliñan o anterior dito, coa rodaxe nos abertos espazos de Kent, coma se fora pleno outono na Nebraska máis profunda. E aplaudo as acertadas localizacións de locais, paraxes e facianas que un pode atopar cando pérdese en unha desas estradas secundarias do profundo sur, de calquera sur o que non queiras ir.

Intelixente, áxil, entretida e refrescante produción abandeirada por NETFLIX, chea de humor negro e que bate con relativa insolencia a esa sociedade adormentada por tantos vacuos contidos televisivos e tanta superficialidade temática das redes sociais.

Moi recomendable.

E coma tódolos anos, por estas datas, os amantes do cine están de noraboa, xa que coma di Fernado Trueba, “sempre é un pracer agardar tódolos anos a nova película de Woody Allen”.

WONDER WHEEL, estreada no 82 cumpreanos do seu director -01/XII/2017- é o 53 filme que asina coma cineasta o mestre de Brooklyn.

Xa vai tempo que o metódico e esquivo Allen ten que traballar cun equipo técnico distinto o que tivera desde os seus comezos. Pero é lóxico. Catro, dos seus máis achegados colaboradores, os míticos produtores Jack Rollins e Charles H. Joffe e os directores de fotografía, os grandiosos Gordon Willis e Sven Nykvist, van xa finados.

Ten unha lonxeva e desigual traxectoria, pero excepcionalmente produtiva. Non pasan os anos por este artesán do cinema, que filma cunha facilidade pasmosa. Certo é que a súa derradeira? obra non é superior o seu anterior traballo a boa CAFÉ SOCIETY (2016), pero un Allen “menor” e moito mellor que calquera trapallada pseudo intelectual que nos queiran vender os iluminados de turno.

Poden variar as temáticas dos seus filmes, pero a percepción de estar a ver “unha de Woody Alllen” e xa marca rexistrada da casa. Coma dicíamos, os seus inicias colaboradores ou están finados ou xubilados coma a súa editora Susan E. Morse ou Mel Bourne, pero xa leva moitos títulos acompañado de xente coma Santo Loquasto, Patricia Di Certo, Letty Aronsen, Alisa Lepselter, que empacan a obra do cineasta coma un todo perfecto.

Polo tanto, co selo de calidade garantido, o que pode subir ou baixala nota final e, na maioría das veces, o texto a traducir en imaxes. E en iso, o noso amigo Woody, soe ser un xenio. Non chega a esas cotas de grandeza neste filme. Vai moito de teatro filmado, de enclaustramento no decorado do piso dos protagonistas. Un certo homenaxe ós dramas de Tennesse Williams, tanto no desenrolo da historia coma, sobre todo, nas motivacións dos personaxes. E aquí é onde poño o reparo máis relevante.

Non é Justin Timberlake actor apropiado para este tipo de xénero. De feito, non é actor. E dame igual que o Mickey que transgrede sexa un calco ó James Dean de EAST OF EDEN (1955) de Kazan. E tampouco aplaudo o xa enésimo agasallo que o filmador dalle a actriz principal; unha Kate Winslet, que non chega ós rexistros da Cate Blanchet en BLUE JASMINE (2013). Bate cunha rocha na lembranza desa gata sobre o quente tellado de zinc que fixera a inmortal Elizabeth Taylor. Non é que sexa unha mala actuación, pero o seu papel daba para moito máis esforzo interpretativo. Salva a papeleta pola evidente técnica que posúe a actriz, pero o seu papel era unha xoia que non espreme o que deberá.

E se falamos de Belushi…

Qué lle pása na faciana?. Encurtiu a pel nun matadoiro clandestino?. É un Stanley Kowalsky pataconeiro?. Nunca foi un actor “do método”, pero a súa elección entoxase pouco acertada.

É a sensación que me déron os intérpretes. De ter moito coidado de non saír da marca do chan. De medilos pasos en exceso, cando os actores dos filmes de Allen, soen dar a sensación de fluir cos movementos da cámara.

Pero aínda así, entretívome. E gustoume. Pero non tanto coma desexaría.

Non quero rematar esta liñas sen destacar a segunda colaboración que fai Vittorio Storaro con Allen. Outra apoloxía da luminosidade, de menor ambición que na de CAFÉ SOCIETY, pero da gusto, atopar a profesionais que seguen a proponer filmacións e luminosidades orixinais que alónsanxe da inmensa maoiría de producción. Storaro e a súa Sony F65 seguen a maravillar.

Déixovos, non cun desexo de vernos nos cinemas –que tamén- senón cunha recomendación do máis sentido por min.

Leede a Ursula K. Le Guin. O que queirades dela. Non vos arrepentiredes.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies