Os xeodestinos protagonistas dunha xornada de traballo en Noia

0

Noia, 9 de maio do 2018 – A xestión dos Xeodestinos de Galicia é o nome dun seminario técnico celebrado no Coliseo Noela de Noia coa presenza dunha vintena de alcaldes de toda Galicia e responsables dos 19 xeodestinos da nosa comunidade.

O evento estivo organizado pola ARD Ría de Muros-Noia e foi inaugurado pola directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro; o alcalde de Noia, Santiago Freire, e a presidenta dun dos Xeodestinos, o da Ría de Muros, Noia e alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; que estiveron acompañados polos delegados da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; e Lugo, José Manuel Balseiro.

Santiago Freire foi o encargado de dar a benvida aos presentes “a unha vila que está de aniversario, pois estamos conmemorando que hai 850 anos o rei Fernando II asinaba a Carta Pobra, que supuxo a creación e o recoñecemento de Noia como vila”. Freire celebrou que estiveran presentes representantes do sector hostaleiro e empresarial do municipios.

Reunión cos alcaldes

Pola súa banda, a presidenta da ARD Ría de Muros Noia e alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, insistiu en que estas xornadas están pensadas para que “todos aprendamos de todos porque temos que traballar xuntos, concello, asociacións, entidades… aprender todos de todos e contar co apoio da Administración”. Teresa Villaverde explicou que “estamos traballando arre todos xuntos e, ao facelo, tamén potenciamos a singularidade de cadaquén”. Villaverde Pais salientou a utilidade da reunión mantida por unha vintena de alcaldes e alcaldesas coa directora xeral de Turismo, Nava Castro, e co director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luís Maestro. Ademais dos alcaldes de Noia e Lousame, a esta reunión asistiron os alcaldes de Abegondo, A Cañiza, Arnoia, A Pobra de Trives, Foz, Laracha, Marín, Mazaricos, Monterrei, O Carballiño, Ponteareas, Porto do Son e Vilanova de Arousa. Escusaron a súa presenza a última hora as alcaldesas de Muros e Outes.

Colaboración

Pola súa banda, Nava Castro explicou que a finalidade deste seminario técnico é “demostrar a capacidade que teñen os xeodestinos para o desenvolvemento das distintas zonas turísticas, algo que sen a colaboración dos Concellos é complicado. A colaboración entre todos os axentes axúdanos moito a ofertar distintos produtos turísticos e gañar turismo os 365 días do ano”. Por iso pediu aos presentes que “se temos que modificar algo dende a Xunta, estamos dispostos a facelo, xa que os xeodestinos son os instrumentos capacitadores para o desenvolvemento turístico” e indicou que encontros como o de Noia serven para “compartir experiencias e que os xeodestinos máis avanzados axuden aos que están empezando e lles axuden a evitar erros”.

Xeodestino Muros-Noia

O obxectivo deste seminario é o de ser un foro de traballo no que reflexionar sobre o asentamento dos xeodestinos na estrutura turística galega, a súa misión, obxectivos e o papel que están chamados a xogar no futuro turístico de Galicia. Así, o xerente do Xeodestino Ría de Muros-Noia, Sebastián Valverde, explicou que “traballamos para implantar un modelo de xestión participativa, de traballo en equipo. A clave do xeodestino non está na forma xurídica. A clave é a participación e a colaboración público e privada. Como dixo a alcaldesa de Lousame, hai que falar, falar e volver a falar. Así se fundamenta a participación”. No caso concreto do Xeodestino Ría de Muros-Noia, explicou que ten organizadas tres mesas de traballo: a da competitividade, a de técnicos de turismo e a do Camiño, “é a mesa máis desenvolvida porque rebasou os límites dos cinco concellos para implicar tamén aos concellos de Rois, Brión, Ames e Santiago”.

Así mesmo, conta con dous grupos de traballo: hostalería/gastronomía e formación. De cara a este ano 2018, Valverde indicou que “estamos moi contentos por como marcha a mesa do Camiño e queremos constituír dúas máis: a de sendeirismo e a de turismo náutico”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies