займ срочно

A XIX Carreira pedestre de Ames será apadriñada por Pedro Nimo

0

Ames, 10 de outubro do 2018 –  A Concellaría de Deportes, xunto cos colaboradores e o embaixador da proba, Pedro Nimo, ven de presentar a organización da décimo novena edición da carreira pedestre de Ames, que se desenvolverá pola contorna da localidade de Bertamiráns o vindeiro domingo, 21 de outubro, a partir das 10:30 horas.

O circuíto dividirase en tramos adaptados as 18 categorías participantes comezando cun de 200 metros para os máis pequenos ata os dez kilómetros da absoluta. A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns. O circuíto estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro, ademais de estar homologado na distancia de 10 km pola Real Federación Española de Atletismo, obxectivo acadado hai dous anos coa coincidencia da proba do Campionato Galego de 10km. O atleta e padriño desta proba deportiva, Pedro Nimo, destacou na presentación a facilidade da ruta, un “circuíto moi plano, cunha volta de cinco quilómetros que se presta moito a correr”, o que, segundo as súas palabras, pode converterse nun incentivo non só para aqueles que queiran optar a un premio, senón tamén para quen se sinta atraído por superar o seu propio récord e obter unha recompensa aos adestramentos do día a día.

A proba pertence ao VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña e conta entre os colaboradores, ademáis da propia Deputación, coa Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a cafetería Don Budi, Gadis, Serviplus, Los Angeles Gas, GST Telecomunicacións e Banco Sabadell. Na organización colaboran tamén os clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Bertamiráns), o club ciclista Os Esfola Arrós e maila Agrupación de Protección Civil de Ames.

O director técnico da delegación en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Jesús Silva, expresou o seu agradecemento ao Concello de Ames “pola súa aposta polo atletismo, tanto federado como de base, un aspecto que contribuíu a converter esta carreira “nun referente en Galicia deste binomio, coa homologación de que xa é un dos tres circuítos máis rápidos da comunidade, apto tamén para os cativos”. Con referencia a esta afirmación, salientou que a pedestre de Ames atópase entre as dez probas que convocan a maior número de atletas profesionais de Galicia.

Pola súa parte, o presidente do club de atletismo Sar, Fernando Saíz, quixo recordar os comezos da carreira pedestre de Ames, que el axudou a promover e que, ao logo dos anos foi crecendo ata converterse no que é hoxe, unha proba na que o ano pasado participaron máis de 1300 persoas, das que 800 foron rapaces e rapazas.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou que “este ano mantense o circuíto de 10 quilómetros, empregado nas dúas últimas edicións, e que tan boas opinións tivo entre os/as atletas. A saída e chegada estarán instaladas na rúa Alcalde Lorenzo, ao carón da praza do Concello e trátase dun circuíto cun trazado moi chan e que combina natureza polo rural e zonas urbanas”. Ademais tamén destácase o carácter festivo da proba na que centos de rapaces e rapazas participarán ao longo das 18 categorías de idades. “O Domingo 21 queremos que todo o mundo saia á rúa a facer deporte sen importar a idade e gocen deste evento que está próximo a alcanzar os 20 anos de existencia”, afirma o Miñones. O circuíto dispón dunha lonxitude de 5 quilómetros, polo que haberá que completar dúas voltas excepto os participantes de categoría xuvenil que darán unha volta.

O presidente do club Millaraio, José David García Arcos, adiantou que este ano se fará un caixón co obxectivo de facilitarlle aos máis cativos o acceso á carreira, evitando que na saída se mesturen participantes, familiares e nenos e nenas, que é o que sole converter o comezo da carreira nun dos puntos máis conflitivos.

Por último, o responsable da firma Emesports, Ezequiel Mosquera, incidiu no traballo realizado dende o Concello para organizar “unha carreira de tan elevada participación, en especial escolar”, o que converte “o concello de Ames nun dos mellores exemplo a nivel galego do que é a carreira en familia, coa participación de moito público, moitos pais e nais animando aos rapaces e moitos nenos/as participando”, o que se traduce “nun nivel moi alto de participación xa que pasa dos 1000 participantes,  unha cifra só accesible a grandes probas de grandes cidades”.

Inscricións telemáticas e presenciais

Na carreira popular poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións poderanse facer ata á media noite do día 17 de outubro a través da seguinte ligazón: http://emesports.es/event/xix-carreira-pedestre-popular-concello-de-ames/. Tamén se poderá realizar de xeito presencial na tenda deportiva, Deportes Amesport, situada na avenida da Maía, número 83, en Bertamiráns. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

As persoas que desexen participar na proba absoluta (de júnior a veterano) terán que aboar unha cota de 6 euros. O pagamento da inscrición poderá realizarse pola pasarela da propia páxina web de Emesports. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a xuvenil) é gratuíta. Calquera dúbida que teñen no proceso de inscrición dos adultos poderán resolvela chamando ao número de teléfono 886 153 589 ou enviando un correo electrónico á dirección info@emesports.es.

Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello o día anterior á carreira (sábado, 20 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.

Horarios e distancias

Os corredores da proba absoluta e da categoría xuvenil tomarán a saída ás 10:30 horas da mañá dende a rúa Alcalde Lorenzo. Ás 12:00 horas está previsto que comecen as probas da categoría pitufo (nados no ano 2014 e posteriores), que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís e cadetes (2.000 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 2003 e 2013.

Imaxe de arquivo

Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Na proba absoluta recibirán trofeo os/as tres primeiros/as clasificados/as locais empadroados/as no Concello de Ames. Este ano, como novidade, e por primeira vez na historia da carreira, tamén recibirán trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta. Por último, ao igual que nos últimos anos, os mais pequenos recibirán a súa medalla de chocolate como recoñecemento do esforzo realizado.

Actividades paralelas

O Concello volverá a ofrecerlle aos corredores e corredoras a posibilidade de recibir atención física ao rematar a proba. Os/as deportistas que o precisen poderán recibir sesións de fisioterapia para recuperarse do esforzo feito. En anos anteriores, este servizo, foi moi ben valorado. Do mesmo xeito, este ano os máis pequenos tamén terán a oportunidade de gozar dun inchable, que se instalará nun dos laterais da praza do Concello e que animará a festa deportiva.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies