XLII Semana Verde de Galicia

0

Silleda, 5 de xuño do 2019 – Chega unha das citas máis importantes do calendario feiral de Galicia, a Semana Verde comeza un ano mais en Silleda abrindo desde este xoves a 42º edición.

Os resultados acadados o pasado ano dan mostra do bo momento da Semana Verde, 710  expositores directos,  un 11,4% máis que o ano anterior, e máis de 100.000 visitantes. A superficie neta ascendeu a 17.812  m²,  (incrementándose un 14,5%) e o espazo total a 89.173  m²  un 14% máis. Unhas cifras que supoñen o mellor respaldo para un certame que na súa 42ª edición volve a fortalecer a súa proposta.

O gando autóctono presenta novidades

Este ano haberá dúas novidades principais no apartado de razas autóctonas. Por primeira vez as razas Ovella Galega e Cabra Galega celebrarán unha competición para escoller aos mellores machos e femias entre exemplares maiores de dous anos. Estes concursos, ao igual que o da Galiña de Mos e as razas bovinas estarán organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) xunto coas asociacións integradas e os seus criadores. En canto á Galiña de Mos, terá lugar o 6º Campionato Galego, no cal se inclúe a 5ª edición de “A Galiña de Mos e os seus Poliños”, o XII Concurso Monográfico e a 8ª Exposición e Concurso por lotes. Das bovinas celebraranse o VIII Concurso Morfolóxico da Raza Cachena, o VII da Vianesa, VI da Caldelá, V da Limiá e o III da Frieiresa. Ademais, levaranse a cabo outros dous concursos morfolóxicos, o do Cabalo de Pura Raza Galega, da man da Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), e o terceiro do Porco Celta, organizado pola  Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), a cal tamén desenvolverá o II Concurso Nacional de Manexo.

O cabalo sempre presente na Semana Verde

Entre as novas propostas do mundo do cabalo destacará unha exhibición de ximnasia  acrobática sobre animais de pura raza  galega e traballos de  doma de alta escola, e tamén unha clase práctica e formativa sobre tratamentos dentais nesta raza autóctona, ambas as organizadas pola Asociación Pura Raza  Cabalo  Galego. Sumaranse ao programa un vistoso carrusel de  doma, un partido de exhibición de  horseball (baloncesto dacabalo), organizado por  Cabaliros  do Salnés, e tamén o Concurso  Morfolóxico Oficial de  cabalo de Pura Raza  Galega.

As actividades ecuestres tamén incluirán o VII Concurso Internacional de Cabalos de Pura Raza Árabe, denominado Galician  Championship E. C.A. H.Ou Internacional  C e organizado pola Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes ( AGCCA). Escolleranse o Mellor Puro Exipcia femia e macho, Mellor Puro  Spanish femia e macho, Mellor Poldra, Poldro, Egua e Semental nado en Galicia e exemplar nado en Galicia coa máis alta puntuación. Así mesmo, recoñecerase a Mellor cabeza, Mellores movementos e Mellor presentador,  amateur e profesional. O  équido con maior puntuación será merecedor do  Best  in Show, mentres que mellor exemplar entre os gañadores das distintas categorías será o Campión Absoluto.

A festa non para

Desde hai seis anos celébrase tamén Festur, un encontro das festas gastronómicas de Galicia que este ano contará coa participación da Rapa das Bestas e Festa do Salmón, de A Estrada; do Pemento de Padrón; as feiras do Cocido, de Lalín, e de Santos, de Monterroso; o Festival Internacional do Mundo Celta, de Ortigueira; o Entroido de Vilariño de Conso; Festa da Filloa de Lestedo, de Boqueixón; do Galo de Curral de Vila de Cruces; Romaría de Santo Hadrián de Malpica de Bergantiños; a Semana Santa, O Naseiro e a Rapa das Bestas de Candaoso, de Viveiro; O Naufraxio, de Laxe; a Festa do Percebe do Roncudo, de Ponteceso; a Xuntanza Internacional de Gaiteiros, de Monterrei: e as Festas Patronais de San Roque, a Feira Franca Medieval e a Semana Santa, as tres de Betanzos. Tamén se promocionarán a  Festa de Xesús Nazareno, de A Pobra do Caramiñal; da Virxe de Guadalupe, de Rianxo; da Dorna, de Ribeira, e a Romaría de San Ramón de Bealo, de Boiro, todos eles representados pola Mancomunidade Arousa Norte. Ademais, do xeodestino O Ribeiro-Carballiño, estarán a Festa da Istoria e a do Viño do Ribeiro, de Ribadavia; do Polbo de O Carballiño e do Pemento, de A Arnoia. Degustacións e actividades de moitas de estas citas sucederanse cada día no recinto feiral.

Salimat sempre innovando

Na punta de lanza da innovación alimentaria está sempre o salón Salimat que se se celebra tamén dentro da Semana Verde de Galicia. Nesta edición en  Alinova estarán moi presentes os produtos doces, podéndose ver  bombóns de chocolate  trufado ou recheos de marmelada de pemento,  obleas con forma de cuncha de vieira saudables, galletas artesás con sabor a café, marmelada de rosas e camelias con toque de licor,  bica de castaña de Manzaneda, torta de millo artesá ou un novo  pack de tres marmeladas que inclúe de  aloe, laranxa e pexego

Tamén se mostrarán numerosas conservas, como mexillóns en salsa de vermú de albariño ou en escabeche de pemento variedade Padrón, albóndegas artesás de bonito do norte en salsa  rivela ou con xamón curado e tamén  ventresca, faragullas, anacos e lombos de bonito do norte artesanal en aceite de oliva.

Por outra banda, estarán os lácteos, entre eles novos leites pasteurizados, manteiga de leite de vaca  premium e diversos queixos, elaborado con leite cru dos meses de inverno (de outubro a marzo), afumado e  cremoso de leite de pastoreo 100% galega, madurados con produción ecolóxica e tamén artesanais.

E non faltarán as bebidas, como licor de  chufa natural de 15 graos, té ecolóxico en botella de cristal, unha bebida  isotónica con base de auga mariña, cervexa artesá e  novos viños rosados, tintos mencía ou  Ribeira  do Douro e tamén brancos con diversas variedades, como albariño, caíño ou  godello.

En canto aos cárnicos, o porco celta terá gran protagonismo, con hamburguesas de xamón fresco desta raza ligadas con fariña de castaña, chourizo de  magro ecolóxico ou con pemento da Beira e tamén cabeza curada, cocida e  prensada.

Programa completo

Desde mañá ata o domingo tedes citas para encher cada xornada, deixámosvos o pdf completo para que non perdades ningunha das que vos interesan programa_actividades_semana_verde_2019

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial