Boqueixón, 12 de abril do 2018 – O vindeiro sábado 14 de abril o Salón de Graos do Centro de Formación e Experimentación de Sergude acollerá a IV Xornada Informativa de Mel de Galicia, impulsada polo Consello Regulador do ouro doce galego.
Na xornada orientarase aos presentes sobre as obrigas e requisitos a cumprir polos inscritos na IXP Mel de Galicia, as axudas para os novos produtores acollidos, a hixiene dentro da produción apícola e a importancia da imaxe e do packaging na comercialización do mel. As Xornadas Informativas estarán especialmente destinadas aos profesionais da apicultura, así como aos envasadores involucrados neste sector en pleno auxe. A entrada ás conferencias será libre e de balde.
De forma pormenorizada, destacar que ás 10 horas terá lugar a apertura da IV Xornada Informativa da man de Dna. Mª Ester Ordóñez Dios, Presidenta da CRIXP Mel de Galicia. Posteriormente, ás 10.30 horas, a guía práctica para o inscrito e a promoción do Consello Regulador será o centro da segunda intervención, a cargo de Dna. María de Diego Roldán e Dna. Beatriz Ríos Cebreiros, Secretaria e Técnica respectivamente do CRIXP Mel de Galicia. Ás 11.15 horas arrancará a intervención de D. Gerardo Rivero Cuesta, Xefe do Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras, co fin de informar aos asistentes sobre todos os requisitos hixiénicos, os rexistros e as operacións necesarias para a produción primaria. Tras unha breve pausa prevista para ás 12 horas, ás 12.30 dará comezo a conferencia de Dna. Elvira Furelos Ferreirós, Directora da Axencia
Naranjalimón Branding 360º, quen orientará aos presentes sobre a importancia da imaxe e do packaging coma estratexia de marketing, de cara a profesionalizar un sector en pleno auxe que ten que adaptarse ao devir dos novos tempos, á competencia e á presenza das novas tecnoloxías da comunicación. Finalmente, o evento clausurarase ás 13.30 horas.
Desde a CRIXP Mel de Galicia animan á participación, lembrando que a apicultura moderna constitúe unha posibilidade de negocio sostible e real que goza dunha saúde envexábel.