A xunta presenta 40 medidas para promover o uso do galego

0

Compostela, 4 de xullo do 2019 – O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou no Parlamento de Galicia o Plan de dinamización da lingua galega na mocidade, un texto que recolle preto de 40 medidas para promover o uso do galego entre os máis novos desde todos os ámbitos da sociedade.

Valentín García salientou que esta promoción do uso do galego é “o primeiro plan de Goberno específico de lingua e mocidade” que nace “con vocación participativa, social e de amplo consenso” e que permitirá darlles cumprimento ás directrices marcadas no Plan xeral de normalización da lingua galega.

O secretario xeral de Política lingüística concretou que se trata dun plan estruturado en nove áreas, con 19 obxectivos e un total de 39 medidas “que naceron do diálogo e da consulta con diferentes entidades que comparten connosco a vontade de traballar en lingua e mocidade e que achegaron as súas propostas de actuación”. O obxectivo do documento, abondou Valentín García, é “abordar a necesidade conxunta de incidir na promoción social do uso do idioma pola xente nova, para garantir así o seu uso, transmisión e pervivencia” a través de propostas, medidas e actuacións que abranguen desde a súa transmisión interxeracional, na propia familia, ata a incorporación ao mercado laboral ou a formación continua da mocidade. A posta en marcha destas medidas conta cun orzamento de máis de 17 millóns de euros.

Un plan holístico e transversal

Desde o punto de vista estratéxico, o Plan do Goberno galego, ten en conta os datos sociolingüísticos máis recentes, no tocante a competencia, uso e actitudes da xente nova. Pero alén diso, recoñece a mocidade como grupo fundamental no futuro do idioma e incide na necesidade de desenvolver actuacións a prol do seu coñecemento e emprego neste grupo de idade fixado, nomeadamente, dos 14 aos 30 anos.

O secretario xeral de Política Lingüística quixo facer especial fincapé en que se trata “dun plan da Xunta de Galicia no seu conxunto e, por tanto, implica a participación activa de todas as consellerías e entidades públicas con competencia en materia económica”. “Así mesmo buscarase a necesaria incorporación, colaboración e cooperación pro-activa dos axentes da lingua e da mocidade no desenvolvemento das medidas e accións concretas que se implementen”, concluíu.

Tres niveis de actuación

O Plan estrutúrase atendendo a tres niveis de concrección: obxectivos (estratéxicos e específicos de cada un doas ámbitos que o configuran), áreas/liñas de actuación e medidas/actuacións, e establece nove áreas de traballo (asociacións, deporte, lecer, industrias culturais, familia, formación continua, ensino, comunicación dixital e redes sociais e economía), todas elas con obxectivos especificados. No documento detállase tamén unha batería de 39 medidas ou actuacións, oito delas de carácter xeral (válidas para todas as áreas) e outras específicas para as áreas de traballo nas que se estrutura. O cronograma de implementación abrangue o período 2019-2022 e contempla unha previsión anual de posta en marcha continua, no referido ás medidas xerais, e progresiva no caso das específicas de cada área, con especial incidencia en todas no relativo aos anos 2020-2021. Finalmente, establécese unha dotación orzamentaria de máis de 17 millóns de euros con cargo aos exercicios económicos da Xunta de Galicia no devandito período.

Promoción do idioma na sociedade

Cómpre lembrar que a elaboración deste Plan responde a un dos eixos fundamentais da política lingüística do Goberno galego, como é a promoción do uso do idioma galego desde todos os ámbitos da sociedade. Así, marca entre os seus obxectivos específicos potenciar o uso do galego como lingua de relación na mocidade galega, reforzar o uso do idioma entre os galegofalantes e proporcionarlle modelos lingüísticos galegófonos de referencia á rapazada de orixe castelanófona. Ademais, o plan aposta por potenciar unha oferta asociativa e de lecer en galego dirixida á mocidade e ampliar e consolidar a oferta de produtos en galego destinados ao público xuvenil.

O obxectivo común a todos eles pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego na área da mocidade, non só para incidir na dinamización do idioma propio de Galicia na xente nova, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade, tendo en conta o importante papel que xoga a xuventude no futuro e na pervivencia da lingua, así como na ampliación dos usos asociados a ela. O texto preséntase no Parlamento na fase final de consulta e achegas, na que ao mesmo tempo que aos grupos políticos con representación na Cámara galega lle foi remitido á Real Academia Galega e ao Consello da Cultura Galega.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial