A Xunta aproba o primeiro Plan Xeral de Frades

0

Frades, 10 de xaneiro do 2018 – A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio outorgou a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, PXOM, de Frades.

O PXOM de Frades aposta pola preservación natural e paisaxística do municipio ao tempo que procura un maior dinamismo dos sectores produtivos co obxectivo de que haxa un crecemento continuado nos próximos anos. Trátase do primeiro planeamento xeral do concello e polo tanto, supón un importante avance en materia urbanística. Ata este momento  Frades rexíase por unhas normas subsidiarias provinciais aprobadas en 1991.

A sinatura da orde de aprobación definitiva do documento celebrouse onte no salón de plenos municipal coa presenza  da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, xunto ao alcalde de Frades, Roberto Rey, que estivo acompañado tanto por concelleiros da corporación municipal como polo equipo técnico que traballou na redacción do Plan.

Transparencia

Roberto Rey salientou que “hoxe é un día polo que levamos moito tempo esperando”, pois a tramitación do plan alongouse ata case os oito anos, unha cifra que dende a Xunta situaron na media de Galicia. Rey Martínez destacou especialmente que “a tramitación deste primeiro plan xeral de Frades foi transparente dende o primeiro momento porque participamos todas as forzas políticas e é o froito dun traballo en equipo de todos, concelleiros, traballadores municipais e equipo redactor”.

O alcalde salientou que o PXOM “será moi bo para Frades porque hai moita xente que leva tempo agardando por el e mesmo temos perdido xente que se foi a outros municipios próximos porque non podía edificar aquí. Agora iso vai cambiar”. Neste sentido, Rey Martínez apuntou que “teremos un núcleo urbano en Ponte Carreira e dous, en Abellá e no Cadaval, onde haberá espazos para que se instalen industrias do sector agrogandeiro” e engadiu que “e se vén algunha outra tamén será benvida”.

Pola súa banda, Beatriz Mato salientou o feito de que o PXOM xurda da unanimidade dos dous grupos municipais de Frades (PP e BNG) polo que quixo “deixar a miña felicitación expresa por ter acadado este consenso, que non é doado pero que o fixestes polo futuro deste municipio. O consenso é fundamental e penso que o que se fixo en Frades é un exemplo dun acordo polo interese social do municipio”. Algo no que coincidiu o voceiro municipal do BNG, José María Pérez Lagos, quen asegurou que “tiñamos que apoiar este Plan porque vai ser algo bo para os veciños”.

Primeiro plan de Frades e do ano

O primeiro PXOM na historia de Frades é o primeiro plan que se aproba este ano e en cuxa redacción colaborou a Xunta cun total de 123.200 euros, cualifica o 95,85% do termo municipal como solo rústico de especial protección, nunha clara aposta pola preservación natural e paisaxística do concello. Preto do 3,8% está cualificado núcleo rural, o 0,22% como solo urbanizable e o 0,13%, restante como urbano. Entre os outros obxectivos xerais do planeamento, tal e como explicou a conselleira, figuran a procura dun maior dinamismo dos sectores produtivos do concello, particularmente do industrial, a potenciación das comunicacións e servizos comunitarios e a fixación de poboación no termo municipal.

Neste sentido, unha das principais propostas do PXOM é a delimitación do solo urbano de Ponte Carreira, que se apoia sobre o trazado antigo da estrada N-634. Para completar a ordenación deste ámbito, redactáronse unhas normas urbanísticas de aplicación simple e práctica para conservar e respectar as alturas e aliñacións existentes e lograr un equilibrio entre a dimensión do núcleo urbano, as súas dotacións e a protección dos elementos do seu patrimonio.

Así mesmo, o novo plan tamén contempla unha adecuada delimitación dos seus núcleos rurais de acordo a criterios legais e ás características do territorio. Tamén se incorporan como solo urbanizable dúas áreas de novo asentamento en Frades (unha ao norte do municipio, no sector de Vedral, e outra ao sur, en Cadaval), coa finalidade de ordenar e regularizar as industrias e actividades xa existentes e xerar novo solo que permita futuras implantacións empresariais no concello.

Ademais tamén inclúe unha proposta de novos espazos libres, zonas verdes e equipamentos para uso público en resposta ás carencias e necesidades que ten o Concello de Frades ao respecto. Neste sentido, prevé a ampliación da área recreativa de Ponte Carreira no Tambre, a creación de novos espazos verdes nos núcleos de Vedral e Cimadevila, e a reserva de solo para localizar un novo local social e unha residencia de anciáns tamén en Ponte Carreira. Por último, o plan xeral de Frades tamén contempla unha mellora na dotación de servizos urbanísticos de saneamento.

Compromiso coa ordenación sustentable e responsable

Durante a súa intervención, a titular de Medio Ambiente reiterou o compromiso da Xunta cos concellos para a consecución dun “desenvolvemento urbanístico responsable”. Nesta liña, subliñou, “continuaremos desenvolvendo novos instrumentos para os concellos como os Plans Básicos Municipais, unha figura destinada aos municipios de menos de 5.000 habitantes que non teñan planeamento xeral”. A previsión da Consellería de Medio Ambiente é que a finais de 2019 poidan estar aprobados os primeiros plans básicos.

Igualmente, Beatriz Mato Otero lembrou que coa aprobación do PXOM de Frades son xa 7 os instrumentos de ordenación urbanística que recibiron o visto bo do Goberno galego na actual lexislatura.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial