A Xunta financia as melloras na Casa Museo de Rosalía, en Padrón

0

Padrón, 28 de Nadal do 2017 – O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou a Casa Museo de Rosalía de Castro e sede da Fundación para comprobar a evolución das obras de mellora das súas instalacións. Na visita á Casa da Matanza o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia e o presidente da Fundación, Anxo Angueira, asinaron un convenio de colaboración para a realización destes traballos de rehabilitación na Casa Museo de Rosalía, aos que se destinan 120.000 euros. Estas obras comezaron a executarse a mediados de novembro e está previsto que se rematen antes do 24 de febreiro, Día de Rosalía, data de nacemento da autora.

As actuacións contemplan a rehabilitación xeral da envolvente completa dos edificios anexos na traseira da Casa Museo Rosalía. En concreto, o reacondicionamento da envolvente exterior, incluídas cubertas e carpinterías exteriores, canalóns e baixantes, do corpo de aseos, oficinas, arquivo, antiga casa Maruxa Villanueva e o edificio do auditorio. Así mesmo, acometerase a reforma da planta baixa da antiga Casa Maruxa Villanueva, para dar acubillo ás novas oficinas da Fundación Rosalía; e a rehabilitación integral dos antigos aseos abandonados, como aseo accesible para persoas con mobilidade reducida.

Román Rodríguez salientou a importancia destas obras para manter nas mellores condicións a instalacións nas que se homenaxea a diario a unha das principais figuras das nosas letras e dunha fundación que vén de ser galardoada cos Premios da Cultura Galega, na modalidade de Patrimonio Cultural, polo seu labor promoción do estudo, edición e divulgación da vida e obra e Rosalía de Castro, do seu esposo Manuel Martínez Murguía e dos seus fillos.

Outras colaboracións

A maiores deste convenio, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia mantén unha colaboración activa coa Fundación Rosalía de Castro na realización de diferentes actuacións para estudar, divulgar e actualizar a obra e a memoria da poetisa; así como para ampliar os fondos bibliográficos da fundación, traballar na recompilación de material e inéditos, potenciar os traballos de investigación ou o envío de libros a centros educativos.

Entre as actividades concretas realizadas, destacan a celebración dun festival de lectura para conmemorar o Día do Libro, as programacións do Maio Rosaliano e as da conmemoración do seu pasamento, tanto en Iria como en Santiago de Compostela, ou os recitais poéticos asociados á Aula da Diversidade.

Asemade, o Museo de Belas Artes da Coruña – dependente da Consellería- acometeu en 2016 a restauración do cadro de Ovidio Murguía Árbore de montaña; adquirido pola Fundación Rosalía de Castro en 2014 . Ademais, a Secretaría Xeral de Cultura tamén colaborou o pasado ano coa restauración do piano da familia, doado por Gala Murguía á agrupación coral Follas Novas da Coruña, e depositado desde o ano pasado de novo na Fundación. Finalmente, desde o Servizo do Sistema de Arquivos, colaborouse na organización, descrición e instalación dos fondos Ramón Baltar Feijoo e Ernesto Baltar Santaló que forman parte do legado documental da Fundación Rosalía.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies