21 días co galego

0

Compostela, 13 de xaneiro do 2020 – A Xunta de Galicia bota a andar a segunda edición do programa de dinamización lingüística 21 Días co galego e +.

21 días co galego é unha iniciativa que se enmarca no Plan de dinamización da lingua galega na mocidade cos obxectivos de que a xente nova, nomeadamente os adolescentes, fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas.

O programa amplía a participación dos centros de ensino, que pasan de catro a dez, e do alumnado, que se incrementa dos 1316 participantes no curso anterior aos 3877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos que se comprometen nesta ocasión a falar unicamente en galego durante as 21 xornadas de duración (do 13 de xaneiro ao 2 de febreiro).

21 días co galego“A medida que imos avanzando no camiño e avaliando o percorrido realizado imos facendo reaxustes en 21 Días co galego que nos permiten non só medrar en cantidade, senón tamén mellorar en calidade para alcanzarmos con máis efectividade os nosos obxectivos”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación. “Por iso este ano nos propuxemos unha maior participación das familias, así como do profesorado de departamentos diferentes aos de Lingua galega e literatura, en especial neste Instituto Xelmírez I, onde, de xeito experimental, cada semana serán os docentes dunha materia distinta os que canalicen os retos do 21 días”, concluíu.

Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, destacou a importancia “de que a comunidade educativa se implique na implementación de proxectos innovadores que favorecen a dinamización do galego a través de propostas atractivas e orixinais para o alumnado que inciden desde os ámbitos escolar ou familiar na promoción do uso social do noso idioma”.

Canda os responsables da Xunta, participaron na presentación de 21 días co galego e + o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director do IES, Manuel Portas; a promotora e coordinadora do programa, Pilar Ponte, e alumna de bacharelato Noela Rivas.

504 horas ininterrumpidas en galego

21 Días co galego e + é un programa promovido pola Xunta de Galicia baseado nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito, unha experiencia que se desenvolveu hai uns anos no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte e que, desde o curso pasado, o Goberno galego asumiu como propio para facelo extensivo a outros catro centros, un por provincia. Participaron na primeira edición un total de 95 docentes e de 1316 alumnas e alumnos de 12 a 18 anos. A iniciativa recibiu o Premio da Cultura Galega 2019 na modalidade de Lingua da Consellería de Cultura e Turismo.

En 2020, o programa continúa a súa expansión coa participación de 10 centros e 3877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos da ESO, de bacharelato e de FP, que se comprometen a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa, é dicir, un total de 504 horas ininterrumpidas en galego desde o 13 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2020, dentro e fóra do centro de ensino. Así mesmo, tamén participan de forma directa 305 profesoras e profesores e 60 membros do persoal de administración e servizos.

Os centros participantes son o IES As Lagoas (Ourense), IES Afonso X O Sabio (Cambre), IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), IES Ánxel Fole (Lugo), IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña), IES Illa de Ons (Bueu), IES de Poio e IES de Vilalonga (Sanxenxo).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial