A xunta de goberno de Compostela destina 200.000 euros a arranxos no rural

0

Compostela, 22 de maio do 2017 – A Xunta de Goberno de Compostela adxudicou dous novos contratos de obras de mellora de pavimentación de viarios en varias parroquias do rural, que suporán un investimento total de case 200.000 euros.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que se trata de actuacións “financiadas con cargo ás achegas da Deputación da Coruña, dentro do compromiso do Goberno de destinar á zona rural a totalidade desas partidas provinciais”.

O primeiro paquete inclúe actuacións de mellora dos viarios das parroquias de Busto e Marantes, e foille adxudicado á empresa Obras y Viales de Galicia por un importe de case 100.000 euros. A actuación enmárcase no POS 2016 da Deputación da Coruña.

O outro contrato inclúe obras de mellora e rehabilitación de pavimentos en Villestro. O Eixo e Aríns, e o orzamento achégase tamén aos 100.000 euros. Neste caso, da actuación encargarase a empresa Excavaciones Santiños SL.

Aínda en materia de obras vinculadas, a Xunta de Goberno aprobou tamén o proxecto corrixido de repavimentación da avenida de Vilagarcía, incluído no plan DTC da Deputación da Coruña. O alcalde explicou que as correccións aprobadas “son cuestións menores apuntadas polo organismo provincial e que non lle afectan nin ao proxecto nin ás cantidades”. Martiño Noriega mostrouse confiado en que “este trámite lle poña fin ao tortuoso procedemento que rodea esta obra, e que se tivo que paralizar porque non obtivo o preceptivo visto bo de Patrimonio, cando lle afecta ao Camiño de Santiago”.

Convenios e subvencións

A Xunta de Goberno tamén aprobou varios convenios de colaboración. Un deles é un acordo entre o Concello e a Fundación Cidade da Cultura, co obxectivo de que neste espazo se poidan celebrar algunhas das accións do programa Compostela Móvese. Tamén se lle deu o visto bo a un convenio co Club de Atletismo Fontes do Sar para o desenvolvemento da 3ª edición da carreira nocturna SantYago10K, á que o Concello destinará unha achega de 12.000 euros.

Por outra banda, o Goberno local acordou solicitar á Consellería de Política Social unha subvención de case 6.000 euros para a posta en marcha de iniciativas de promoción de hábitos saudables entre os mozos e mozas de 14 a 30 anos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial