займ срочно

A xunta aprobará este ano o primeiro Plan de Dinamización da Lingua Galega na mocidade

0

Compostela, 18 de abril do 2018 – O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado,  Cecilia Vázquez Suárez; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; presentaron o documento marco do que vai ser o primeiro Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade.

Este Plan de Dinamización será, en palabras do responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia, “o tronco sobre o que imos traballar Xunta de Galicia e sectores máis directamente implicados”. O obxectivo do Goberno galego é que este plan estea aprobado a fin deste ano 2018, unha vez recollidas as achegas de todos os axentes implicados, así como despois de ser analizado no Consello da Cultura Galega, na Real Academia Galega e no Parlamento de Galicia.  Román Rodríguez explicou que desde o primeiro momento foi vontade da Xunta de Galicia facer da elaboración do plan un proceso participativo e aberto, co fin de crear unha folla de ruta realista e útil, que permita coordinar e facer máis efectivas as accións que se desenvolvan cun obxectivo común, o de incrementar o uso do galego por parte da mocidade. “Os mozos e as mozos son o futuro e, por tanto, os que poden garantir o futuro da lingua galega”, sinalou o conselleiro.

Áreas e medidas

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou ademais que neste momento o sistema educativo garante o coñecemento do galego, coas porcentaxes de coñecemento máis elevadas da historia nas distintas competencias (entender, falar, ler e escribir). Tamén en todas elas temos os índices máis altos das linguas cooficiais de España. Agora é o momento de fomentar o uso, debemos apostar por ir máis aló do ámbito educativo, creando situacións contextos e actitudes que favorezan o feito de optar pola lingua propia de Galicia en todos os ámbitos da vida dos máis novos. Neste sentido, explicou que o plan busca dar visibilidade ao galego en 9 áreas, nomeadamente asociacións, deporte, lecer (concertos, espectáculos..), industrias culturais, formación continua, comunicación dixital e redes sociais, ensino, familia e emprego e emprendemento.  Dentro delas, proporanse medidas como o establecemento de acordos cos clubs deportivos para que incorporen a lingua galega ás súas comunicacións, a promoción dunha oferta competitiva de produtos culturais e audiovisuais en galego traducidos, o impulso da transmisión de galego aos fillos nas Escolas de Nais e Pais, o apoio e recoñecemento aos proxectos dixitais que publiquen integramente en galego, o apoio ás opcións dos “neofalantes” como novos usuarios do noso idioma ou o aproveitamento das potencialidades do galego no mundo lusófono á hora de emprender e crear emprego, entre outras

Participación

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, destacou a importancia que ten este primeiro plan de dinamización para “seguir fomentando o uso do galego entre a xente nova nos ámbitos académico, laboral, familiar e nas relacións interpersoais”. Nesta liña, fixo fincapé no feito de que se trate dun documento participado polas entidades que desenvolven a súa actividade no campo xuvenil e apuntou que para obter uns resultados satisfactorios na aplicación do mesmo cómpre a implicación de todos os sectores implicados. Ademais, Cecilia Vázquez reiterou que o obxectivo “é aumentar a presenza do noso idioma entre a xente nova”, para o que avogou por “continuar potenciando unha oferta asociativa, así como de programas e actividades tanto de lecer como formativas en galego”.

Segundo plan parcial

Este será o segundo plan parcial de dinamización da lingua galega derivado do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG) tras o elaborado, tamén polo actual Goberno da Xunta, para a dinamización do galego no tecido económico, que se aplica desde o ano 2016. Deste xeito, desenvólvese o establecido no PXNLG no referido ao sector social da mocidade, para o que propón obxectivos e medidas dirixidas a impulsar o uso do idioma propio de Galicia na xente nova, para estimular na xuventude actitudes favorables que se traduzan nun uso xeneralizado do galego, superando vellos prexuízos; fomentar todo tipo de creatividade de base en galego, como forma lúdica de galeguización e de creación de mercado cultural; e garantir que en galego haxa unha oferta ampla, diversificada, competitiva e atraente de produtos de cultura.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies