15.000 persoas viviron a Festa da Troita de Oroso

0

Oroso, 10 de maio do 2022 – Sigüeiro volveu a encherse coa volta da Festa da Troita que congregou cerca de 15.000 persoas na edición número vinte catro.

Só na Alameda de Gois degustáronse 400 kilos de troita, que chegaron aos mil sumando os servidos nos locais da contorna. Mentres no escenario o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, pronunciaba o pregón.

Alberto Varela, que recoñeceu ser “debutante” como pregoeiro, “un dos oficios máis antigos da humanidade”, aproveitou a intervención para facer un percorrido desde a súa Vilagarcía natal ata Oroso, pasando por localidades como Catoira, Valga, Pontecesures, Padrón e Santiago de Compostela. “Galicia é moito máis que as grandes cidades ou os grandes fitos turísticos. A proba está no voso pobo, cunha paisaxe, un patrimonio e unha festa como esta, que ben merecen ser coñecidos e recoñecidos”, afirmou.

O pregoeiro tamén quixo poñer en valor a riqueza fluvial de Galicia e, en especial, de Oroso: “Se Galicia é o país dos mil ríos, pero tamén dos 313 concellos, logo Oroso ten case o dobre de ríos que a media. E, dende logo, dá gusto ver o que vin sobre como os coidades, coas súas áreas de recreo, os seus paseos, os seus refuxios. Felicidades por iso, sodes un exemplo. Hoxe, protexer o medio ambiente non é unha opción é unha obriga. Agora toca repensar os lugares onde vivimos, facéndoos máis amables, máis humanos e, polo tanto, tamén máis respectuosos co medio natural: se non coidamos os ríos, non hai troitas; se non hai troitas, non hai festa; e sen festa, Oroso haber, habería, pero sería menos Oroso”. “Se de verdade es troiteiro, o teu destino é Sigüeiro. Viva Oroso, Viva Sigüeiro e viva o peixe máis fermoso do mundo”, enfatizou o presidente da Fegamp.

 Tras o pregón, e mentres centos de persoas en ringleira íanse facendo con racións gratuítas de troitas fritidas, procedeuse á entrega dos premios do Concurso de Pesca, que na categoría de adultos deixou o seguinte podio: Manuel Rey Mira (1º), José Roca Cores (2º) e Juan Brea Montaña (3º). Pola súa parte, na categoría infantil os/as sete participantes premiados/as foron os seguintes: Lara Nogareda Villaverde (1ª), Xiana Pereiro Míguez (2ª), Alicia Fernández Lojo (3ª), Lola Fernández Lojo (4ª), Hugo Brea Suárez (5º), Rodrigo Mallo Guerra (6º) e Daniela Vila Sixto (7ª).

“Orgulloso da festa e contento por poder vernos sen máscara”

Con anterioridade á lectura do pregón, o alcalde de Oroso, Luis Rey, convidou á comitiva de autoridades a percorrer os postos da Feira de Artesanía e a probar as troitas fritidas na degustación popular. Ademais do pregoeiro, acompañárono os concelleiros/as da Corporación Municipal; o senador Manuel Miras; o deputado Néstor Rego; representantes de concellos limítrofes como Frades e Ordes; e o presidente da Cámara Municipal de Góis, António Rui de Sousa Godinho, e o seu vicepresidente, Nuno Bandeira, ambos en representación desta localidade portuguesa coa que Oroso está irmandada.

Nunha breve intervención, o rexedor local asegurou sentirse “orgulloso da festa” e “contento de poder vernos sen máscara despois de dous anos difíciles” e agradeceu a a implicación das concellarías implicadas na organización e tamén dos efectivos de Protección Civil, Policía Local e o servizo de limpeza.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies