15 concellos da bisbarra en alerta máxima e peche individual

0

Bisbarra, 13 de xaneiro do 2021 – A Xunta decretou novas medidas pola pandemia que levan ao nivel de alerta máxima a 15 concellos da bisbarra.

A principal novidade é que desde este venres os municipios en alerta máxima terán un peche individual, coincidinte co territorio do propio concello; desaparece a unidade que formaban Santiago, Ames e Teo xa que, ademais, Teo quédase en nivel medio alto de restricións.

Os concellos en alerta máxima son Santiago de Compostela, Ames, A Estrada, Ribeira, Boiro, Rianxo, Noia, Cerceda, Outes, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Melide, Oroso, Trazo e Val do Dubra.

Nestas zonas, a principal diferenza co resto será que o interior dos centros de hostalería e restauración permanecerán pechados, e só se permitirá atención nas terrazas ata as 18 horas, ou a entrega a domicilio sen límite. Ademais, os establecementos de xogo non poderán abrir as portas; os centros comerciais reducirán o seu aforo ao 30% e a mobilidade non se permitirá máis aló dos perímetros de cada concello.

Restricións no resto

Toda a información da nova situación foi trasladada polo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, quen explicou que as novas medidas estarán en vigor “probablemente, ata mediados de febreiro”.

No tocante ao nivel medio-alto, Feijóo salientou que, ademais da recomendación básica de que se faga o esencial, exclusivamente: acudir ao médico, ao colexio, ao traballo, incidindo no teletraballo, sempre que sexa posible, ao coidado de menores e maiores e á compra dos enseres indispensables, hai determinadas restricións que se deben coñecer e cumprir de forma escrupulosa.

Ao respecto, precisou que as reunións serán dun máximo de 4 persoas; o toque de queda adiántase ás 22 horas; o horario de peche do comercio fíxase ás 21,30 horas; os centros recreativos turísticos ou similares terán un aforo do 50%, cando haxa grupos, serán de 4 persoas máximo; e a hostalería e restauración poderán abrir ata as 18 horas, cun 30% de aforo no interior e do 50% nas terrazas, podendo manter a entrega a domicilio.

“A partir das 18 horas, a actividade da hostalería e restauración non estará permitida, e iso significa que tampouco se deben, a partir desa hora, reunir non conviventes nos domicilios”, engadiu.

No tocante ás actividades deportivas non federadas: os grupos serán dun máximo de 4 persoas e, nos espazos interiores, o aforo tampouco pode superar o 50%. No comercio, o aforo nas tendas tamén segue á metade, pero reforzarase a vixilancia nos centros comerciais, onde quedará prohibido permanecer nas zonas comúns, permitíndose só o tránsito para entrar e saír das tendas.

Por outra banda, nos cines, teatros e auditorios: haberá que estar sempre sentados, mantendo a distancia de seguridade, cun límite máximo de 250 persoas nos espazos pechados e 500 persoas nos espazos ao aire libre; e as visitas hospitalarias se circunscriben a unha persoa por paciente en todos os hospitais do Sergas, salvo casos excepcionais. “E respecto á mobilidade, os concellos que se atopan neste nivel medio-alto non se pechan, agás nas tres cidades que están neste nivel: Lugo, Pontevedra e Vigo”, remarcou, ao que engadiu que, en todo caso, a recomendación é que se limite a mobilidade ao máximo posible.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial