Os cativos tamén terán o seu espazo no Festigal

0

Compostela, 17 de xullo do 2017 –  O espazo infantil do FestiGal trae o clown Peter Punk, Cé Orquestra Pantasma, un obradoiro de instrumentos musicais e  unha mostra de xogos tradicionais.

A cita será o 25 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela.

A festa para os cativos comezará o Día da Patria ás 16:00 horas cun obradoiro de enredos sonoros con Pablo Carpintero en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos e despois haberá unha mostra de xogos tradicionais e populares coa colaboración de Xotramu.

Ás 18:30 Peter Punk levará o espectáculo “Chungo que te cagas”. Este humorista, ademais de ser gañador do Festiclown 2008, xirou por países como Brasil, Arxentina, Italia, Palestina, Portugal…; participou nas máis importantes citas de clown de todo o Estado (Euskadi, Madrid, Cataluña, Baleares, Andalucía, Canarias….) ademais de centos de programacións e festivais galegos sempre á procura do riso. Os espectáculos de Peter Punk son diferentes e anovadores… manteñen a pureza do humor como liña de traballo e amosan un inquebrantábel compromiso coas persoas en situacións de conflito.

Cé Orquestra Pantasma virá con “Fíos do querer” e “Para cantar e bailar” ás 19:30 horas. Baixo Cé Orquestra Pantasma agóchase o vigués César Freiria, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais. Apoiándose na recuperación da figura do Home Orquestra, Cé Orquestra Pantasma convértese na fórmula para escapar do mundo por uns intres, deixándose levar, entregándose por completo á mellor das festas.

Esta edición do FestiGal contará con artistas como Guadi Galego, Nao, Raiba, Os Amigos dos Músicos e Son da Rúa para actuar na véspera do Día da Patria en Santiago de Compostela. Os actos previstos para o 25 de xullo comezarán no café concerto cunha exhibición de regueifeiras por cortesía da asociación Oral, Isabel Risco interpretará Nabiza Girl, actuarán Áureas co espectáculo “En Voga” e rematará coas  potentes voces das Tanxugueiras.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies