20 anos de Festigal

0

Compostela, 5 de maio do 2022 – O Festigal cumpre vinte anos e o celebrará coas actuacións de Tanxugueiras, A banda da Loba, Familia Caamagno e Bratzantifa.

O cita da noite do 24 terá como complemento o café concerto do Festigal ao día seguinte. En este caso actuarán  Alberto Mvundi, Os John Deeres, Berto e DJ Ferromona.

charset=Ascii

O Festigal 2022 foi presentado este mércores na Varballeira de San Lourenzo, en Compostela. No acto interviñeron Lucía López, da Comisión Festigal; Lucía Veciño, da Fundación Galiza Sempre; e Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova.

Vinte anos de Festigal

O Festigal despois de vinte anos é a gran feira da cultura galega, de entrada libre, que dá a coñecer novas expresións artísticas e creativas para construír conciencia de país. Unha feira de asociacións, postos de artesanía, zona de acampada, oferta gastronómica, librarías, galería das ideas e obradoiros infantís completan a ampla programación que atrae milleiros de persoas a este grande evento.

Na noite do 24 de xullo actuarán as Tanxugueiras, unha das propostas máis innovadoras, auténticas e sorprendentes do país. Elas son Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionada con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, empoderamento, contundencia e virtuosismo vocal son os expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.

Este trío recolle o legado das pandeireteiras, das mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, cun estilo épico e forza ancestral que xa as fixo triunfaren escenarios internacionais. Aválanas éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’, ‘Averno’ ou ‘Terra’, tema co que se ergueron como as favoritas do público no Benidorm Fest para concorrer a Eurovisión. Todo formará parte do seu novo disco, que verá a luz neste 2022 e co que presentarán un potente show.

A banda da Loba é unha das formacións máis consolidadas do panorama musical galego actual. Coa poesía e coa lingua por bandeiras, ofrece composicións propias e inspiradas en poemarios clásicos e contemporáneos, en que tratan temas como a diversidade, a identidade, a memoria e o feminismo. Está formada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Inés Mirás (guitarra), Marcela Porto (percusión) e Xiana Lastra (voz). Música comprometida cun selo persoal e característico que fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical. ‘Bailando as rúas’, ‘Fábrica de luz’, ‘Hasme oír’ e ‘Xabón Lagarta’ fan parte da súa discografía e os premios Martín Códax da música galega, aRi[t]mar, do Día Internacional da Muller Rural e San Martiño da Normalización lingüística son algúns dos seus recoñecementos.

Familia Caamagno son Manuele (voz e saxofón), Jess (guitarra de punteo), Francesco (guitarra de ritmo e coros), Lano (guitarra baixa) e Toni (batería e coros). Integran unha banda fundada en 2011 cun contundente directo que mestura pop, rock & roll e garaxe con letras acedas. Percorreron numerosos escenarios coa discografía ‘Familia Caamagno’, ‘Hai que andar cos tempos’, ‘Para unha vez que saímos’ e ‘Había que intentalo’, ademais de seren vencedores no V Concurso Rock da Deputación da Coruña e de ofreceren o mellor directo do ano 2020 do programa “Ondas Indies” da Radio Galega.

O xurado do VI Concurso Novos Valores 2022 elixiu como banda gañadora o dúo Bratzantifa, conformado por Marina González e Lucía Amado, que serán as encargadas de abrir a edición do Festigal 2022 na noite do 24 de xullo. Braztantifa nace no confinamento de 2020, ao crear música na cociña das súas casas e entre conversas coas amizades. Fan música urbana e bedroom pop, estilo que mesturan con letras punk, conservando a súa vulnerabilidade. Elas mesmas defínense como unhas hooligans do brandiño e da tenrura radical. O xuri valorou as letras populares, comprometidas, con críticas á situacion sociolaboral pero sen deixar de lado o humor e a ironía, chegando ao poético desde o cotián. Ademais, consideraron que se trata dunha proposta que segue a liña das tendencias musicais actuais.

O Festigal, organizado pola Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova, conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, Universidade de Santiago e Estrella Galicia.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies