Padrón, 19 de xaneiro do 2022 – Distintas entidades culturais acordaron este martes que o Día de Rosalía pase a celebrarse o 23 de febreiro.

SONY DSC
A Fundación Rosalía de Castro convocou a diversas entidades culturais e educativas relacionadas co Día de Rosalía para tomaren esta decisión. O motivo é o recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora.

SONY DSC
Acudiron á convocatoria da Fundación Rosalía na Casa-Museo representantes de entidades relacionadas co Día de Rosalía, como o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega; Dores Silveira, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega [de forma virtual]ou Olimpio Xiráldez e Erea Estévez Campos, da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s.

SONY DSC
Tamén participaron representantes institucionais, como Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Lorena Couso, concelleira de Cultura de Padrón; ou Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago [de forma virtual]. Asemade, asistiu á xuntanza Sagrario Abelleira, investigadora que realizou o achado documental que demostra, entre outros feitos relevantes, que Rosalía de Castro naceu o día 23 de febreiro.
A Deputación da Coruña, cuxo deputado de Cultura, Xurxo Couto, non puido asistir por cuestións de axenda, manifestou o seu apoio á decisión tomada.
O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional.
Logo deste acordo, a Fundación Rosalía de Castro volve chamar á sociedade galega a celebrar o Día de Rosalía, desta volta o 23 de febreiro, lendo os seus textos e facendo un Caldo de Gloria, para o que convoca de novo a escolas e restaurantes de todo o país a esta iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Comezou a realizarse con éxito en 2017, cun seguimento masivo en Padrón, e en 2018 xa se converteu nun evento seguido a nivel galego.