25,4 millóns para a bisbarra polo Plan Único da Deputación

0

Bisbarra, 17 de novembro do 2021 – O Plan Único (POS+2021) da Deputación da Coruña alcanzará este ano os 25,4 millóns de euros investidos na bisbarra de Compostela.

Unha das principais apostas do Plan Único segue a ser o gasto social, destinado a paliar os efectos da pandemia, que chega aos 4,2 millóns. O presidente provincial, Valentín González, remarcou a utilidade deste programa para “mellorar infraestruturas e servizos, así como para dar apoio no eido social ante as necesidades derivadas da crise sanitaria e impulsar a reactivación social e económica nos municipios da provincia”.

As contías de gasto social, repartidas en 26 concellos, oscilan entre os 65.421 euros de Dodro e os 320.521 euros que recibe Santiago. Reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais e axuda no fogar, creación de axudas para a cobertura de necesidades básicas coma vivenda, alimentación, gastos médicos e farmacéuticos ou escolarización dos colectivos máis vulnerables son algunhas das cuestións ás que os concellos están a destinar estes fondos.

Concellos coma Santiago destinan parte do Fondo Social do Plan Único a financiar o Servizo Municipal de Emerxencias Sociais (Semus) que presta axuda inmediata en caso de urxencias no eido da atención social, incluso durante os festivos e fins de semana.

Máis de 8 millóns para 91 obras

Dentro do Plan Único, a Deputación permitirá que os 26 concellos da comarca poidan levar a cabo un total de 91 obras de humanización de rúas e espazos públicos, mellora nas redes de iluminación e saneamento, renovación de estradas, actuacións en instalacións municipais ou accións para incrementar a seguridade peonil, entre outras.

Destacan grandes investimentos como os 268.000 euros dedicados á ampliación da plataforma viaria entre Cañoteira e Outeiro (Santiago), os 263.514 euros para pavimentar e sinalizar a estrada de Outeiro e Boaña de Abaixo (Santa Comba), os 273.896 euros para o camiño da Chan a Escola (Ordes) ou os 230.384 euros para a reurbanización do núcleo de Castro (Teo), máis tamén pequenas obras que contribúen a dotar de servizos básicos a moitos núcleos rurais e a mellorar a vida dos seus habitantes.

Os municipios destinan este ano 356.777 euros para reducción da débeda, 298.424 euros para pago a provedores e case 5,1 millóns para gasto corrente, co que se financian servizos básicos municipais importantes para a cidadanía como poden ser a iluminación pública ou a recollida de lixo. A través do Plan Adicional tamén se financiarán investimentos por importe de 7,4 millóns de euros.

O Plan Único ofrece aos concellos total liberdade á hora de decidir en qué investir os fondos que lles achega a Deputación, cunha distribución que se basea en criterios obxectivos como a poboación, superficie, número de parroquias ou esforzo fiscal de cada municipio.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial