9 millóns de euros para entrar no mundo das moléculas

0

Compostela, 6 de novembro do 2020 – A Universidade de Santiago recibe 9 millóns de euros para avanzar nun proxecto sobre o control das moléculas e o seu entorno.

O proxecto MolDAM  da USC traballa nas posibilidades das  microscopías de sonda de varrido que foron descubertas por IBM hai 35 anos. O investigador Diego Peña traballa na construción de moléculas individuais “átomo a átomo” para estudalas en acción e “conseguir dominalas”, afirma.

Imaxe de Colin Behrens en Pixabay

MolDAM son as siglas de Molecular  Devices  by  Atom  Manipulation no que se exploran as enormes posibilidades do mundo molecular. A través da construción e estudo de dispositivos  nanométricos, manipulados por sofisticados microscopios, conséguense aplicacións en síntese química, transformación da enerxía e computación.

A convocatoria 2020 do programa Synergy Grant do Consello Europeo de Investigación (European  Research  Council–ERC) financiará con algo máis de nove millóns de euros, durante seis anos, este proxecto. A idea está sendo levada a cabo polo consorcio colaborativo integrado polo Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) ao que pertence Diego Peña; o equipo de investigación de Leo  Gross da compañía tecnolóxica  IBM  Research Zúric; e o grupo de  Jascha  Repp da universidade xermana de Regensburg. Dos nove millóns, case tres millóns de euros foron obtidos polo equipo da USC.

 O que se pretende desenvolver “é extremadamente difícil porque as moléculas teñen o tamaño da millonésima parte dun milímetro, pero conseguilo tería unha gran relevancia, xa que átomos e moléculas forman todo o que nos rodea, incluídos nós mesmos”, explica Diego Peña.

MolDAM aproveita as posibilidades das  microscopías de sonda de varrido que se converteron nunha das tecnoloxías chave no desenvolvemento da nanotecnoloxía. As melloras realizadas nos últimos anos neste tipo de microscopía, permitiron afondar no mundo molecular e visualizar moléculas con resolución atómica.

Diego Peña

Impacto en múltiples campos

A devandita visualización molecular redúcese ata o momento a unha “foto fixa”. “En  MolDAM queremos ir un paso máis alá e ver as moléculas en acción, mentres reaccionan, é dicir, mentres rompen e forman ligazóns entre os seus átomos; ou mentres as sometemos a pulsos de voltaxe ou de luz”, explica Peña Gil.

Debido ao pequeno tamaño das moléculas, durante séculos os químicos sintéticos traballaron con millóns de moléculas ao mesmo tempo en disolución. “Agora temos a tecnoloxía para facelo con moléculas individuais, con obxectos que miden a millonésima parte dun milímetro, e isto é o que queremos facer en MolDAM. O que descubramos traballando con moléculas individuais, podería ter impacto nunha gran diversidade de campos científicos, como a síntese química ou a transformación da enerxía”, conclúe o investigador da USC.

Talento USC

A obtida por Diego Peña é a segunda Synergy Grant que conseguen investigadores da USC, un logro que suma valor ao talento e traballo dos investigadores da universidade compostelá. A anterior, no 2018, foi para Rubén Nogueiras, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), polo proxecto WATCH sobre envellecemento saudable. Este programa europeo ten como fins promover a excelencia científica financiando proxectos de investigación que  fusionen fortalezas de diferentes equipos europeos e aproveiten sinerxías para desenvolver proxectos de longo percorrido. O ERC acaba de conceder un total de 34 Synergy Grant.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial