A Baña e Negreira mobilízanse contra o parque eólico de Troitomil

0

Bisbarra, 20 de maio do 2021 – Os concellos da Baña seguen de cerca os proxectos eólicos e mobilízanse para informar á veciñanza e alegar contra el.

Negreira convoca unha reunión en Xallas coa veciñanza sobre o parque eólico da Armada e unha liña de evacuación. Desde o concello explícase que unha vez revisada a documentación recibida no Departamento de Urbanismo realizará un encontro diante do local social o sábado 22 a partir das sete e media da tarde.

Para manter as medidas sanitarias pídese que acuda tan só unha persoa por casa. Alí  aportarase información relativa a os proxectos do parque eólico da Armada, e da liña de evacuación de enerxía LAT66 Outes – Noia con afectación na parroquia de San Pedro de Xallas e, intentarase resolver as dúbidas que poidan xurdir entre a veciñanza.

A Baña alega contra Troitomil

Pola súa banda o concello da Baña ven de presentar alegacións contra o parque eólico de Troitomil, solicitándolle á Xunta de Galicia que rexeite a continuación da tramitación de acordos e non o autorice.

O Concello destaca que o polígono delimitado “resulta dunha amplitude desproporcionada respecto da dimensión do parque eólico proposto”. Os cinco aeroxeradores, dunha potencia total de 30 megawatios, ocuparían cinco millóns de metros cadrados. Engade que “inclúe no seu interior varios núcleos de poboación, sobre os que se xeraría unha afección sectorial innecesaria para o obxecto do proxecto”. Os núcleos de poboación afectados son os de Lañas, Cantalarrana, Buchaín, Nantón, San Mamede, Meimendre, Cotarelo, O Castro, Valiña, Vilasuso, Fiopáns, Troitomil e Estivadiña.

O Concello tamén considera que de autorizarse este parque eólico suporía “eliminar unha superficie de 1.558 hectáreas de alto valor produtivo”. Tampouco se “respectan os 500 metros de distancia  esixidos  ás edificacións aptas para o uso residencial, polo que na localización actualmente prevista non resulta compatible coa lexislación reguladora”.

O escrito asinado polo alcalde o sete de abril asegura que a actual Lei de Montes de Galicia impide a autorización deste parque eólico, en tanto en canto se prevé construír sobre terreos de monte incendiados “e están afectados pola prohibición de cambio de uso da Lei de Montes”. No escrito faise mención ao artigo 59 da Lei de Montes, que sinala no seu punto 3 que “en terreos afectados por incendios forestais non poderá producirse un cambio de uso en trinta anos”, un aspecto que, segundo o Concello, afecta ao monte como un todo afectado e non só á superficie efectivamente queimada.

A suspensión cautelar do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do acordo da Xunta polo que se aproba o proxecto supramunicipal do parque eólico A Ruña II (Mazaricos) é outro dos argumentos ao que fan referencia as alegacións municipais pola similitude dos proxectos..

Por outra banda, o alcalde volveulle solicitar o pasado 7 de maio por segunda vez unha entrevista urxente á conselleira de Medio Ambiente para exporlle a postura do Concello contraria ao parque eólico de Troitomil. A esta reunión acudirían tamén os representantes das asociacións de veciños das parroquias afectadas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial