A Baña, 26 de xaneiro do 2021 – O concello da Baña pon en marcha unha iniciativa co nome de A Baña en feminino que ten como obxectivo visibilizar á muller.
Serán doce vídeos, un por mes, con 12 protagonistas en representación da veciñanza da Baña. O primeiro xa publicado corresponde as declaracións da mestra xubilada Dolores Allo Davila.
O proxecto culminará no Día da Muller do 2022, o 8 de marzo, cunha homenaxe ás doce protagonistas. A Baña en feminino márcase como obxectivo prioritario reivindicar a igualdade de xénero.
Dolores Allo
Dolores Allo e natural e veciña da Castiñeira na parroquia de San Vicenzo. Foi mestra do CPI San Vincente e comeza esta serie coincidindo coa celebración o pasado luns, 24 de xaneiro, do Día Internacional da Educación.
No vídeo, de cinco minutos de duración, Dolores Allo fala das dificultades que tiñan que sortear rapazas e rapaces do rural para poder estudar ou do control que se exercía sobre as mozas cando entraban na adolescencia fronte á liberdade da que desfrutaban os mozos. “Os homes podían facer o que quixeran, mentres que as mulleres lles controlaban con quen se relacionaban e onde ían”, sostén.
O proxecto A Baña en feminino continuará durante todo 2021 coa publicación na canle de Youtube e do Facebook do Concello doutros once vídeos, un por mes, nos que se lles dará voz a outras veciñas do municipio que se desempeñan en diversos eidos.
O obxectivo final da iniciativa é visibilizar as mulleres bañenses dentro dunha contorna rural que aínda é predominantemente machista, así como promover a igualdade de xénero e propiciar a reflexión na sociedade sobre cal é a situación actual da muller.