A Baña, 16 de xullo do 2020 – A crise sanitaria pola Covid19 segue provocando cancelacións e en esta ocasión tocoulle a Festa dos Maiores da Baña.
O alcalde, José Antonio Pereira, asinou un bando no que fai pública a decisión de suspender a Festa dos Maiores da Baña prevista para o mes de agosto. O motivo é preservar a seguridade dun colectivo tan vulnerable na situación de risco sanitario actual.
Pereira fai mención no mesmo bando ás recomendacións das autoridades sanitarias de non celebrar este ano as habituais festas e verbenas, “debido a que se pode xerar un maior risco de propagación” da covid-19. En caso de querer celebrar estas festas e verbenas, o alcalde recorda as medidas específicas que establece a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Segundo estas normas, no caso das verbenas, “é importante acoutar o espazo destinado ao evento para poder controlar o aforo, facilitar o establecemento de puntos diferenciados para a entrada e saída do recinto e permitir o cumprimento das distancias mínimas de seguridade interpersoal”.

Imaxe de arquivo
O alcalde “apela á responsabilidade cidadá” e agradece a colaboración de toda a veciñanza para axudar a cumprir con todas as medidas preventivas necesarias para evitar a transmisión dunha enfermidade tan contaxiosa como a da Coronavirus.