Bisbarra, 17 de agosto do 2021 – Os Alcaldes de Zas, Vimianzo e A Baña solicitan unha entrevista co Presidente da Xunta de Galicia para evitar o peche de oficinas de Abanca
O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, en representación da Alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; e do Alcalde de A Baña, José Antonio Pereira; vén de realizar a solicitude dunha entrevista co Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O obxectivo abordar o peche das oficinas de Abanca situadas en Zas, Baíñas e A Baña e intentar que medie para que a entidade bancaria reconsidere a súa decisión.
O rexedor de Zas sinalou que “Queremos ter unha reunión con Feijóo para que nos axude e se poña á fronte das reivindicacións. É o presidente de todos os galegos e galegas, polo que debe de atender a petición de defender aos nosos veciños. Ademáis ten unha responsabilidade moral dado que o Estado saneou a banca dándolle máis de 7.000 millóns de euros de todos os cidadáns”.
Nunha rolda de prensa os tres alcaldes explicaron a súa postura e avanzaron as medidas de presión que pensan tomar. Consideran que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar de ti a ti” coa entidade financeira.
Tal e como souberon polos propios empregados de Abanca e polos veciños, a entidade ten previsto pechar as oficinas de Zas, Baíñas e A Baña o vindeiro 8 de setembro. Este peche afecta directamente a unhas 10.000 persoas tanto destes concellos como doutros limítrofes.
Os rexedores teñen en marcha medidas conxuntas entre as que figuran:
– Solicitar unha reunión co Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela
– Establecer contactos con algún ministro do Goberno de España que teña competencias na materia e con deputados do parlamento galego
– Manter unha reunión con responsables de Abanca
– Estudar a posibilidade de emprender accións legais
– Recollida de firmas nos tres concellos
– Convocar unha manifestación ante a sede de Abanca