A biblioteca do CHUS quédase cun traballador mentres se manteñen 7 curas a xornada completa e dous a media xornada.

0

Compostela, 12 de febreiro do 2021 – CIG Saúde denuncia o desmantelamento da biblioteca do Hospital Clínico de Santiago ao deixala cunha soa empregada.

Desde o sindicato consideran que recortar en persoal e horario de atención da biblioteca é unha irresponsabilidade. Engaden que mentres se produce esta rebaixa do servizo mantense o relixioso que dispón de 7 capeláns a xornada completa e 2 a media xornada.

A CIG-Saúde de Compostela lembra que esta biblioteca dá cobertura a toda a área sanitaria de Santiago-Barbanza, que conta con 1.395 camas; 24 membros de persoal directivo; 125 xefes/as de servizo e sección/unidade; 62 xefes/as de servizo/sección concertado coa universidade; 1.197 facultativos; 337 residentes en formación ademais doutro, até acadar un cadro de persoal de 6.709 profesionais,  xunto con 225 investigadoras/es da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e 40 investigadoras/es da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Un servizo esencial

O sindicato entende que a biblioteca do hospital Clínico é un lugar apropiado para xestionar o coñecemento científico e que necesita adaptar os servizos de información ás novas necesidades, subministrándolle as persoas usuarias o asesoramento e ensinanza das habilidades precisas.

Lembra que a información dispoñible na internet gratuitamente é incompleta, polo que “a participación do persoal de biblioteca faise cada vez máis activa nas súas tarefas de selección e organización da información, xa sexa en bibliotecas presenciais como en bibliotecas virtuais”.

CIG-Saúde de Compostela apunta que, entre os servizos que ofrece a biblioteca física, cómpre ter en conta que se trata dun espazo accesible a todos os membros da área sanitaria pensado para o estudo, a lectura e a investigación.  “É o lugar lóxico onde as e os profesionais en busca de información poden conxugar os distintos recursos: sistemas externos a través de Internet, ou os propios fondos ( revistas, CD-ROM, vídeos, libros, etc.)”.

Salienta que tamén conta con equipos para poder acceder tanto á intranet, internet e facer consultas desde bases de datos, revistas electrónicas, portais, enderezo electrónico e, moi especialmente, persoal experto en acceso e recuperación da información, que asesora nas buscas de información con criterios de calidade, que actuará como enlace directo con outras bibliotecas e centros de información será tamén un lugar de encontro con outros colegas cos que compartir puntos de vista.

Sen resposta da Xerencia

CIG-Saúde de Compostela denuncia a falta de resposta da Xerencia ás cuestións formuladas por escrito, o pasado 16 de decembro, respecto das razóns polas que non se cubriu a praza vacante e o motivo polo que non se informou á representación legal do persoal da reestruturación ou nova xestión do servizo de biblioteca. “É incomprensible a irresponsabilidade da Xerente ao recortar persoal e horario de atención do servizo de biblioteca, un servizo estratéxico para permitir o acceso a información que é a verdadeira porta de entrada á cultura, ao pensamento e o coñecemento, e manteña un servizo relixioso con 7 capeláns a xornada completa e 2 a media xornada”, aseguran.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial