Bisbarra, 26 de novembro do 2020 – O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama a través das emendas presentadas aos Orzamentos do Estado a execución de melloras de infraestruturas na comarca de Santiago.
Ademais das importantes actuacións que Néstor Rego demanda para Santiago e que reverterían na contorna, como a estación de mercadorías da Sionlla, a recuperación e plan de usos para a vella terminal de Lavacolla, a creación dun viveiro de comercio ou o saneamento do Sarela, o BNG leva ao Congreso a defensa de melloras infraestruturais na bisbarra con actuacións en Ordes, Oroso, Padrón e Ames.
As emendas que o deputado nacionalista presenta ao Proxecto de Orzamentos do Estado teñen como obxectivo darlle a volta a unhas contas que, como denuncia Néstor Rego, “seguen a ser inxustas xa que no conxunto dos Orzamentos destínase a Galiza un 11% menos a nivel xeral cando sobe nun 19,4% e un 68% no capítulo de investimentos”.
Actuacións na bisbarra
Entre outras iniciativas de mellora da mobilidade e infraestruturas viarias, o BNG reclama actuacións para evitar asolagamentos na N-550 ao seu paso polos lugares de Merelle, Mesón de Deus, Fonte Estrei, no concello de Ordes, cun orzamento estimado de 500.000€. Esta mellora xa fora demanda polo BNG local, co apoio de sinaturas da veciñanza, na demarcación de estradas do Estado sen ter ningunha resposta.
O BNG esixe tamén a solución á inseguridade da veciñanza no paso a nivel sen barreiras en Iria Flavia, un traxecto moi transitado por estar á altura do Camiño Portugués no concello de Padrón, o que suporía un investimento de 300.000 €.
Sen saír do concello de Padrón, o BNG solicita que se inclúan no Orzamento os 800.000 € necesarios para unha actuación no peirao de “A Ponte” que se atopa en estado ruinoso, a pesar do seu interese tanto portuario como etnográfico e cultural.
As emendas que o deputado nacionalista defende para a comarca de Compostela inclúen tamén o traslado das antenas situadas ao pé dos pavillóns deportivos no centro de Sigüeiro, concello de Oroso, co fin de poder rematar a urbanización peonil da zona.
O BNG defende no Congreso a consignación nas contas de 10 millóns de euros para a nova estación depuradora de Santiago e Ames, o que multiplica por máis de vinte os 448.000 euros que o goberno do PSOE-Podemos recolle para o 2021, claramente insuficientes para a organización nacionalista.
Nestor Rego explica que “As emendas presentadas son demandas imprescindíbeis da veciñanza da comarca de Santiago que non están reflectidas nos Orzamentos do Estado e, para o BNG, son actuacións urxentes e necesarias, e é incomprensíbel que non se contemplen nunhas contas que, como vemos, incrementan a partida para infraestruturas”
Estas emendas súmanse ás que o BNG presentou para a cidade de Santiago de Compostela como a creación dun viveiro de comercio na Cidade Histórica, a humanización da rotonda de Conxo, a recuperación da vella terminal da Lavacolla e a estación de mercadorías da Sionlla , un proxecto expositivo para a estación intermodal Daniel Castelao ou medidas ambientais, como o saneamento do río Sarela, a erradicación da herba da Pampa ou a propia estación depuradora, nun conxunto de actuacións que suporían o incremento de 23 millóns de euros do Orzamento destinado á capital galega.