A Carreira “Camiño das Letras” volverá a celebrarase o 17 no Gaias

0

Compostela, 6 de maio do 2021 – Compostela acolle de novo a carreira “Camiño das Letras”, unha das citas máis esperadas dentro do Día das letras Galegas.

A sétima edición sairá o 17 de maio do Pico Sacro e terá como meta a Cidade da Cultura. A carreira “Camiño das Letras” porá de este xeito en valor o Camiño de santiago ao tempo que homenaxea a Xela Arias.

A iniciativa foi presentada polos secretarios xerais de Política Lingüística e Cultura, Valentín García e Anxo M. Lorenzo. Como expresou Valentín García, trátase dun acontecemento deportivo e cultural que concita ano a ano o interese e a participación da cidadanía e é tamén “un instrumento axeitado para achegar a xente ás Letras Galegas e poñer en valor a obra e a figura de Xela Arias, autora homenaxeada pola Real Academia Galega e pola sociedade”.

“Un tributo singular desde o deporte que, de seguro, lle gustaría a Xela Arias, xa que, se algo caracterizou a traxectoria da anfitrioa deste ano, foi o abrir novas portas para a poesía, o esforzarse en sacala do seu trono dourado, do seu espazo de confort, e poñela a dialogar con outras realidades, como a fotografía ou a música”, engadiu Anxo M. Lorenzo. Os representantes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxeron en valor a figura de Xela Arias como “unha poeta rompedora que había de gustar de ver a literatura na rúa, visibilizándose nunha carreira popular, e tamén ver un acontecemento deportivo convertido en espazo de socialización en galego, na lingua que ela mesma usou e defendeu con paixón na súa vida persoal, laboral e literaria”.

No acto tamén participaron a directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez; Xulio Gil, representante da familia da autora homenaxeada; Roberto Vilar, actor, comunicador e padriño da carreira; Manuel Fernández Munín, alcalde de Boqueixón; Rubén Prol Mariño, concelleiro de Educación, Mocidade e Políticas Lingüísticas de Santiago de Compostela; Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo; Ignacio Seijo Vázquez, director-xerente de Xurdir, e Iván Sanmartín, director da carreira.

Letras Galegas do Pico Sacro ao Gaiás

A VII Carreira Camiño das Letras, impulsada en colaboración de Xurdir S.L, estará adaptada ás restricións da covid-19 e aos protocolos de seguridade hixiénico-sanitaria. Constará dunha proba absoluta das categorías máster, sénior, sub23 e sub20 que sairá a partir das 10,00 horas do día 17 de maio desde as proximidades do Pico Sacro e seguirá un circuíto de 15 km, ao longo da Vía da Prata e baixo o simbolismo do Camiño de Santiago e da Ruta Xacobea, ata a Cidade da Cultura. Todas as persoas que participen na proba recibirán no momento da recollida do dorsal, e como agasallo da organización e da Xunta, un libro dun/dunha autor/a en lingua galega e mais o diploma que acredita a participación no Camiño das Letras.

Esta iniciativa deportiva-cultural forma parte da programación institucional que a Xunta de Galicia desenvolve xa para renderlle tributo a Xela Arias e para facer partícipe a toda a sociedade da celebración da festa da lingua galega, o 17 de maio. Toda a información está dispoñible no Portal da Lingua Galega.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial