Compostela, 4 de marzo do 2021 – A deputación da Coruña adxudica por 889.783 euros as obras de ampliación da estrada DP-7802 de Roxos a Reborido, en Santiago.
A mellora da estrada de Roxos ten un prazo de execución de 12 meses. Hoxe asínase o contrato na sede do organismo provincial.
Unha estrada máis segura
Nesta primeira fase levarase a cabo o ancheamento e mellora da vía dende o punto quilométrico 0+390 (Roxos) até o 2+620, unha vez atravesado o núcleo rural de Frais. O seguinte quilómetro 2+620 ao 3+710 (Reborido) será obxecto da segunda fase.
O inicio da estrada (PK 0+000) ten lugar en Roxos, enclave próximo a Santiago con carácter urbano no que se inicia unha estrada de dous carrís cun ancho de 7 metros, franxas para aparcadoiro e beirarrúas en ambas marxes, que conforman unha plataforma total de 16 metros nos primeiros 400 metros da vía.
A partir do PK 0+400, onde comezarán as obras, a plataforma redúcese considerablemente e desaparecen as zonas de estacionamento e as beirarrúas, cun ancho de estrada que varía dende os 6 aos 4 metros no tramo que vai ata o PK 1+060 (fin do núcleo de Roxos). Cabe destacar que nesta zona se produce un cruce co Camiño Santiago-Fisterra-Muxía.
Unha vez rematado o núcleo de Roxos, no tramo que vai ata Frais (PK 1+060 ao 2+100) a calzada ten unha anchura de entre 5 e 6 metros, aínda que existen tramos máis estreitos como o que discorre na ponte sobre o rego de Roxos (3,90 metros de ancho). O último tramo (ata o PK 2+620) atravesa o núcleo rural de Frais, cunha anchura media de calzada de 4,4 metros.
Esta primeira fase do proxecto contempla a ampliación da vía nos 2,6 primeiros quilómetros do seu percorrido, ao seu paso polos núcleos de Roxos e Frais. A calzada contará con dous carrís de 3,5 metros, con beiravías de un metro a cada lado, totalizando un ancho de plataforma de 9 metros.
O proxecto inclúe ademais a pavimentación de todo o tramo, dotándoo dunha nova capa de rodaxe con base de lastro artificial e superficie de mestura bituminosa en quente e rego de adherencia en toda a plataforma, así como a instalación de novo sistema de drenaxe. Tamén se inclúe a renovación da sinalización horizontal e vertical.