Negreira, 24 de abril do 2019 – A Deputación da Coruña investirá 1.440.826,74 euros nas obras de ampliación e mellora dun segundo tramo da estrada provincial DP-5602 que une Negreira con Pontenafonso, xa na ría de Noia.
As obras da estrada de Pontenafonso, que veñen de ser aprobadas por unanimidade na comisión de Vías e Obras, contan cun orzamento de 1.266.128,78 euros, ao que hai que sumar os 174.697,96 euros que se reservan para as expropiacións necesarias para levar a cabo os traballos. Suporán a ampliación da plataforma da estrada nun tramo de 2,5 quilómetros que vai dende o PK 6+105 ao 8+630, preto da ponte Barbazán, dotando ao vial dunha calzada de 7 metros de ancho e arcéns de 0,5 metros naqueles puntos nos que a liña de planeamento o permita. Levaranse a cabo tamén traballos de corrección de trazado nas curvas máis perigosas, acondicionamento de drenaxe lonxitudinal e transversal da vía e sinalización.
A Deputación xa acometeu, entre 2008 e 2010, obras de ensanche e mellora nos seis primeiros quilómetros desta estrada, pertencentes ao termo municipal de Negreira, por un importe de 1,23 millóns de euros. Estes traballos incluíron o ensanchamento da plataforma, a construción de beirarrúas nos primeiros 500 metros e de variantes que melloraron notablemente o antigo trazado, eliminando os puntos máis sinuosos e facéndoo máis seguro.
O obxectivo desta segunda fase é facer o vial máis seguro para os numerosos vehículos que circulan cada día por él e adaptar o ancho da plataforma ao xa executado nos primeiros seis quilómetros.