A Deputación difunde a figura e legado de Carvalho Calero a pé de rúa

0

Bisbarra, 6 de outubro do 2021 –  O Malecón de Ribeira acolle desde onte a exposición coa que a Deputación homenaxea a Carvalho Calero e que percorre concellos de toda a provincia.

A mostra sobre Carvalho Calero quedara adiada no 2020 por mor da pandemia de Covid. O ano pasado Calero foi o protagonista do Día das Letras Galegas. A deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, participou na apertura da exposición.

En Ribeira, a apertura da exposición estivo acompañada por unha actividade complementaria organizada desde o Concello e que consistiu nun contacontos relativo a Ricardo Carvalho Calero co fin de difundir o seu legado entre a comunidade escolar.

María Muíño fixo fincapé en que “esta iniciativa nos permite abordar a figura deste autor dun xeito autobiográfico pero tamén conectando a súa traxectoria con fitos relevantes na historia do país”, ao tempo que indicou que “ao optar por un formato de exposición que pode visitarse a pé de rúa tamén pretendemos facilitar que a difusión chegue ao maior número de públicos posible”.

A deputada de Normalización Lingüística estivo acompañada durante o acto de apertura por membros da corporación municipal de Ribeira, como a primeira tenente de alcalde, María José Sampedro, e os concelleiros Ramón José Doval, Vítor Reiriz e Xosé Cobas.

A exposición, a través de trece expositores, permite percorrer outras tantas etapas da vida de Carvalho Calero, facendo especial fincapé no legado do autor ao que o pasado ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Así pódese visitar a traxectoria vital e profesional do autor, desde o seu nacemento en Ferrol até o peche co titulado “Mestre de Compromisos” onde se fai mención ás distintas homenaxes que recibiu antes do seu falecemento e tamén se recolle unha imaxe do alumnado da primeira promoción de Filoloxía galego-portuguesa da que foi profesor.

A mostra, concibida desde a filosofía da itinerancia co fin de chegar a diferentes puntos da provincia, iniciara o percorrido en Ferrol por se o lugar de nacemento do propio Ricardo Carvalho Calero. Agora, permanecerá exposta en Ribeira ata o día 18, para depois viaxar ata Betanzos, onde poderá visitarse ata o 28 de outubro, para trasladarse posteriormente a Sada (entre o 28 de outubro e o 15 de novembro), Melide (do 15 ao 29 de novembro) e Rianxo (do 20 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2022).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial