Val do Dubra, 20 de xaneiro do 2021 – O alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela, desprazouse á Deputación para estudar co presidente da mesma, Valentín González, melloras para o concello.
Na reunión traballouse en concreto na mellora da seguridade viaria en Val do Dubra. na reunión participaron tamén os deputados provinciais Blas García e Antonio Leira e o tenente de alcalde, Óscar del Río.
Entre outras cuestión, o alcalde destacou a necesidade de construír unha rotonda na estrada que dá acceso ao futuro parque empresarial de Bembibre. Tamén se pediu a mellora da seguridade nun “punto negro” deste mesmo vial, á altura do quilómetro 19, onde se teñen producido varios accidentes.
O presidente da Deputación solicitou ao rexedor que remita o proxecto da rotonda para o seu estudo por parte dos técnicos do servizo de Vías e Obras e comprometeuse a buscar unha solución para mellorar a seguridade no punto de concentración de accidentes.
González Formoso e José Manuel Varela abordaron tamén a colaboración entre ambas institucións a través de programas coma o Plan Único, que este ano destina 732.266 euros ao municipio, dos que 128.633 se destinarán a apoiar ao concello no incremento do gasto social derivado da pandemia.
Máis de 1 millón de euros en obras do Plan Único
Neste momento, o concello ten en fase de contratación ou a punto de adxudicar dez obras do Plan Único da Deputación correspondentes ás anualidades de 2019 e 2020, que suman preto de 1,1 millóns de euros e contribuirán a mellorar diversas infraestruturas municipais. Estas obras son: mellora das instalación da piscina municipal, reparación da base de Protección Civil, acondicionamento das parcelas de Braña dos Allos e rúa Muíños, mellora dos núcleos de Novexilde, Quintáns e Estebande, mellora de viais en Pedragosa-Barral, mellora de viais en Bembibre, pavimetación da rúa Rueiro Portomuro, entre outras.