A Estrada, 13 de maio do 2020 – A Rapa das Bestas de Sabucedo, que tradicionalmente celébrase no mes de xullo, traslada a festa para os días 15 e 16 de agosto.
A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo tomou a decisión tras consultar coa veciñanza. As datas de agosto son provisionais e unha consulta posterior decidirá si a situación sanitaria permite a celebración.
A directiva propuxo a anulación das datas habituais, xa que considera que sería moi precipitado e inviable para a preservación da saúde. Ao mesmo tempo optouse por adoptar un período de agarda e darse tempo para comprobar a evolución da pandemia e das distintas fases da desescalada.
A proposta foi apoiada maioritariamente pola parroquia, que será convocada no mes de xullo a unha xuntanza para determinar se a edición 2020 se suspende definitivamente ou celébrase os citados 15 e 16 de agosto. En caso de que Sabucedo opte por esta alternativa, todo dependerá loxicamente das autorizacións dos responsables sanitarios e das administracións públicas.
A Rapa das Bestas naceu en pandemia
O equipo rector de A Rapa das Bestas de Sabucedo lembrou que esta celebración secular “naceu, segundo a cultura popular, en época de peste e superou a Gripe Española de hai un século ou acontecementos tan terribles como a Guerra Civil, polo que agora afrontamos unha nova dificultade que ben seguro imos superar atendendo á máxima que nos guía, que é o coidado e o amor ás bestas do monte como membros da nosa comunidade e do noso modo de vida”.
Por elo, e recalcando que a seguridade sanitaria e a preservación da saúde determinará calquera decisión, a directiva cre que a edición 2020 da Rapa debería celebrarse, aínda que fora nas datas alternativas de agosto, “pola importancia de manter unha tradición secular, polo imprescindible coidado dos cabalos e do seu benestar coas tarefas de desparasitación e rapa das crinas e pola necesidade de cumprir cos parámetros administrativos e legais da identificación e conteo das reses con respecto ás esixencias das administracións públicas ou da empresa aseguradora”.
Finalmente, tanto a directiva como a parroquia de Sabucedo, que quixeron expresar a súa tristura e condolencias polos milleiros de falecidos polo coronavirus, informaron de que van anunciar publicamente este aprazamento na súa páxina web e nos seus perfís oficiais en redes sociais para evitar a presenza de público na parroquia a primeira fin de semana de xullo, xa que a festa soe acoller a entre 20.000 e 30.000 persoas cada ano.