A Estrada, 29 de xullo do 2020 – Unha nova iniciativa privada ven a dinamizar a cultura da Estrada, e da bisbarra, baixo o nome de Solpores no Lagoreiro.
Xoel López, Marlango, Mikel Erentxun, Rayden, Tanxugueiras e Fredi Leis actuarán este verán na Casa do Lagoreiro, un espazo do que toma o nome o ciclo. O local acollerá nos seráns de agosto e setembro numerosas citas culturais no seu xardín exterior coa posibilidade de degustar algúns dos pratos máis destacados do seu restaurante.
Os humoristas Luis Piedrahita e Goyo Jiménez tamén participarán na serie de eventos, que comezarán o vindeiro luns 3 de agosto cun concerto do rapeiro Rayden no marco da súa nova xira #LosNuevosAgostos.
Todas as actuacións, cuxas entradas sairán proximamente á venda, comezarán ás 21.00 horas e contarán con capacidade limitada ademais de indicacións visuais para o tránsito. O servizo do Restaurante do Lagoeiro atenderá ao público durante os espectáculos, garantindo así o goce da iniciativa e o cumprimento dos protocolos de seguridade.
Programación
A primeira visita á Casa do Lagoeiro será a de Rayden, quen actuará o luns 3 de agosto no marco da súa nova xira #LosNuevosAgostos, unha iniciativa exclusiva que o madrileño pon en marcha este verán co gallo da nova normalidade. As entradas para o concerto inaugural xa están á venda na plataforma www.enterticket.com. O poeta e rapeiro, quen vén de lanzar un EP inspirado na serie La casa de papel, é un dos músicos máis influíntes da súa xeración grazas a súa proposta de creacións viscerais e sen etiquetas.
Dez días despois, o xoves 13 de agosto, Mikel Erentxun presentará o disco El último vuelo del hombre bala. O cantante do mítico grupo Duncan Dhu, referente do rock español nos anos 80, é un dos artistas con máis carisma e versatilidade do panorama musical e no xardín da Casa do Lagoeiro ofrecerá un concerto inesquecible para as e os incondicionais do seu talento.
Os Solpores no Lagoeiro continuarán á semana seguinte con dous pratos fortes do ciclo: o humorista Luis Piedrahita (21 de agosto) e Marlango (23 de agosto). O dúo conformado por Leonor Watling e Alejandro Pelayo dará a coñecer en acústico o seu álbum Technicolor, co que levan xirando por salas e teatros nos últimos tempos.
Xa na última semana do mes, o xoves 27 será a quenda do cantautor galego Fredi Leis, autor de éxitos coma Mariposas ou Quiero darte, mentres que o día 30 as voces e pandeiretas de Tanxugueiras, que veñen de esgotar as entradas para o seu concerto no TradFest, presentarán o seu segundo disco, Contrapunto.
En setembro rematará a primeira edición do ciclo. O 6 de setembro Xoel López, un dos músicos máis recoñecidos do pop-rock iberoamericano, presentará algúns dos temas do seu novo álbum que se publicará no outono e dos que xa se coñecen singles como Alma de oro. Finalmente, o cómico Goyo Jiménez pechará os Solpores no Lagoeiro o sábado 12 de setembro.
Acceso ao recinto e venda de entradas
Todos os concertos e espectáculos de Solpores no Lagoeiro celebraranse no exterior da casa, nun xardín preparado especificamente para cada actuación e no que se darán todas as garantías de seguridade para poder gozar da iniciativa á vez que se cumpren os protocolos sanitarios. Así, a capacidade do recinto será para 220 persoas e cada actuación comezará ás 21.00 horas, aínda que se abrirán as portas contra ás 19.30 horas. O espazo contará con indicacións para o tránsito e con xel hidroalcohólico á disposición das e dos asistentes, que deberán levar mascarilla. Ademais, o público sentarase en función dos convivintes ou unidade familiar e contará cunha mesa na que o servizo do Restaurante do Lagoeiro servirá as bebidas. Todas aquelas persoas interesadas en cear durante as actuacións deberán facer, previamente, a súa reserva. As entradas para cada actuación dos Solpores no Lagoeiro, que conta coa colaboración de Mahou, Petroni e Aleata, sairán proximamente á venda, no mes de agosto, agás no caso dos billetes para o concerto de Rayden, que xa se poden adquirir a través da plataforma www.enterticket.com.