A gala dos premios Follas Novas poderase ver en streaming

0

Compostela, 13 de maio do 2021 – Os premios do libro galegos, desde este ano Follas Novas, retransmitiranse pola red este domingo desde o Teatro Principal.

Os Follas Novas recuperan o formato presencial pero non se permitirá a asistencia de público. Poderase ver, este sábado día 15 desde as sete da tarde, pola canle de Youtube pola que xa o ano pasado foron entregados de xeito virtual. Tamén ao igual que o ano pasado o mantedor do acto será Quico Cadaval.

Desde as tres asociacións que representan ao sector do libro galego, Asociación Galega de Editoras, Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega e a Federación Galega de Librarías consideran que a recuperación da cerimonia de entrega dos premios Follas Novas significa que se está avanzando no camiño da recuperación da normalidade.

Presentación

Os Premios Follas Novas foron presentados no Auditorio de Galicia nunha rolda de prensa dirixida pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón quen sinalou na súa intervención a mellora da situación xeral e como se reflicte nos premios, “estamos contentas desde o Concello de Santiago de ir recuperando as actividades que supoñen volver á normalidade cultural”.

O recén elixido presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, sinalou nunha das súas primeiras intervencións como presidente que o sector do libro suma actividades moi diferentes pero que “todas elas queren incrementar a visibilidade do libro como método para saír dunha situación de dificultades para todas as empresas e persoas relacionadas coa cultura”.

Domínguez estivo acompañando polo presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e polo presidente da AGE, Henrique Alvarellos. Os tres coincidiron en sinalar que o libro leva demostrado desde o inicio da pandemia “a súa utilidade para a sociedade”.

Premios de honra

Ademais das categorías 15 categorías nas que se premian os mellores títulos e autores da produción editorial de 2020, os Follas Novas tamén recoñecen os premios honoríficos de cada unha das tres asociacións organizadores. A Federación de Librerías de Galicia recoñecerá o traballo do libreiro Manuel Arenas; a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega honrará ao escritor angolano José Luandino Vieira e a Asociación de Editoras de Galicia rendirá tributo ao desparecido editor Xulio Amigo.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, considerou estas actividades como un síntoma de mellora, “os premios son imprescindibles para a visualización dos libros e aínda que o ano foi malo para a cultura, o libro demostrou que estivo presente no acompañamento da xente e por iso é necesario que saia con forza da situación actual”.

Xurxo Couto, deputado de Cultura na Deputación da Coruña, reparou nos tempos recentes do mundo cultural: “están sendo anos duros para a cultura e por iso son necesarias todas as actividades que como estes premios melloren a presenza da cultura na sociedade”.

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELGA, sinalou que a a cultura “é sanadora e os libros son sanadores e por iso mesmo en situación tan límite os escritores e escritoras queremos crer que estivemos a altura do que a sociedade precisa”.

Henrique Alvarellos, o libro foi a “vacina antes da vacina”, “o libro é o que nos move a todos os que estamos aquí”. “Esta gala vai premiar a excelencia dos libros e sabemos que quedan sempre libros fóra e estamos traballando para conseguir que a vindeira edición poidamos recuperar toda a presencialidade”.

Case corenta títulos son os finalistas dos premios Follas Novas do Libro Galego, uns galardóns que estrean denominación nesta sexta edición en homenaxe a Rosalía de Castro e que repasan a actividade dun exercicio, o 2020, especialmente difícil para o mundo autoral, editorial e libreiro. Estes premios e os seus case corenta títulos finalistas demostran que, a pesar das dificultades, o mundo dos libros non só non se detivo, senón que está facendo fronte ás dificultades con toda a enerxía e a inventiva que requiren os tempos.

A elección dos títulos e autores que forman parte do listado de finalistas pecha a primeira parte dun proceso de selección no que as asociacións organizadoras, Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia aportaron as súas respectivas candidatas en cada un dos apartados dos premios. Unha vez elaborada a lista definitiva de finalistas, un xurado deliberará e decidirá quen son os gañadores en cada unha das categorías. Os premios Follas Novas do Libro Galego contan co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial