A Real  Filharmonía pecha a tempada co trompetista venezolano Pacho Flores

0

Compostela, 25 de maio do 2021 – A Real  Filharmonía de Galicia clausura a súa tempada este xoves baixo a batuta do seu director titular e artístico, o mestre  Paul Daniel.

A cita coa Real Filharmonía comeza as oito e media da tarde e as entradas xa están a venda na web www.compostelacultura.gal . Como todos os concertos da presente tempada, poderá seguirse tamén en directo por  streaming a través da canle de Youtube da  RFG.

Baixo o título  Natureza, Vida e Amor, o programa virará en torno ao lema que serviu de fío condutor a esta tempada, Emocións  Naturais. Soarán as tres aberturas que compoñen a triloxía Natureza, Vida e Amor do compositor  Antonín  Dvoràk (1841-1904):  Otelo (Amor), No reino da Natureza (Natureza) e Entroido (Vida).

Estrea mundial con Pacho Flores

Durante o concerto da Real Filharmonía ofrecerase a estrea mundial de Cabalos máxicos para trompeta e orquestra, unha obra composta por  Christian  Lindberg (1958) para o trompetista venezolano Pacho Flores, que será o encargado de interpretala. A peza é froito dun encargo conxunto da Real  Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica de  Bilkent (Turquía) e a Orquestra de Cámara Sueca.

Pacho Flores, formado no Sistema de Orquestras Xuvenís e Infantís de Venezuela, obtivo os primeiros premios de certames internacionais como  Maurice  André,  Philip Jones e  Cittá dei  Porcia. As súas aparicións como solista inclúen ás principais orquestras norteamericanas e latinoamericanas, ademais de prestixiosas agrupacións de Europa e Asia. Ofreceu recitais en salas como o  Carnegie Hall de Nova York, a Sala  Pleyel de París ou a Opera City de Tokio.

Director fundador da Academia Latinoamericana de Trompeta en Venezuela, cultiva a unha prometedora xeración de novos talentos e é convidado frecuente dos conservatorios de Finlandia, España, Francia, Xapón e Latinoamérica.

Foi primeira trompeta da Orquestra Sinfónica Simón Bolívar de Venezuela, Orquestra  Saito  Kinen de Xapón e Sinfónica de Miami; baixo a dirección de mestres da talla de Claudio Abbado,  Sir  Simon  Rattle,  Seiji  Ozawa,  Giusseppe  Sinopoli, Rafael  Frühbeck de Burgos ou Gustavo  Dudamel, entre outros.

Artista da Casa  Stomvi, toca instrumentos fabricados exclusivamente para el e participa activamente nos seus desenvolvementos e innovacións. Na actualidade é artista exclusivo de  Deutsche  Grammophon, con quen xa produciu varios discos, entre eles Cantar, coa Orquestra  Konzerthaus de Berlín e  Christian  Vásquez;  Entropía, con Jesús ‘Pingüín’ González, premiado coa Medalla de Ouro nos Global Music  Awards 2017 e o  Melómano de Ouro;  Fractales, coa Filarmónica Ártica de Noruega e  Christian  Lindberg, tamén Medalla de Ouro dos Global Music  Awards 2019; e Cantos e Revoltas, coa Real  Filharmonía de Galicia, o mestre Manuel Hernández-Silva e o  cuatrista venezolano Leo  Rondón no ano 2019.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial