A USC albergará un Centro de produción de medicamentos

0

Compostela, 28 de maio do 2021 – A Universidade de Santiago, USC, albergará o Centro de produción de medicamentos denominado CAR-T Galicia.

O reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron un convenio de colaboración para implantar este centro de produción que será o primeiro da comunidade.

Coa posta en marcha deste centro, no que tamén se poderán producir fármacos destinados a diversas terapias celulares, a comunidade galega sitúase á vangarda da investigación e da produción de tratamentos avanzados, cuxo obxectivo é abordar diferentes patoloxías de carácter oncolóxico.

A USC cederá as súas instalacións do Monte da Condesa, onde anteriormente se emprazaba o Instituto de ortopedia e o Banco de Tecidos Musculoesqueléticos. O inmoble, de preto de 1.000 metros cadrados, acollerá tanto o centro de produción de medicamentos CAR-T e outras terapias celulares, como a futura Unidade de Investigación.

A finalización das obras prevese para o último trimestre do ano e, grazas a elas, adecuarase a instalación existente ao novo dimensionamento dedicado á produción celular, laboratorios de control de calidade, salas de criopreservación, ademais doutros espazos destinados a usos auxiliares e administrativos.

Mediante este convenio, no que tamén participan a Empresa Pública de Servizos Sanitarios Galaria e o Servizo Galego de Saúde; a Consellería de Sanidade, comprométese a promover a constitución dunha Unidade de Investigación onde participará conxuntamente o persoal do novo centro CAR-T, grupos de Investigación do sistema universitario de Galicia, ademais doutros institutos e organismos  de investigación sanitaria.

Tratamento de grande efectividade

Segundo o acordo a Unidade de Investigación estará creada antes da finalización do primeiro trimestre do ano 2022. Así, o seu principal obxectivo será levar a cabo proxectos de investigación que permitan o desenvolvemento de novas terapias celulares para, posteriormente, ser elaboradas no centro de fabricación e, de seguido, aplicalas nos pacientes do sistema sanitario público.

Durante os dous primeiros anos de funcionamento, agárdase poder producir entre un e dous fármacos distintos en ensaios clínicos, o que poderá supoñer unha cifra de entre 50 e 100 pacientes tratados, tomando como referencia o dimensionamento dos ensaios desenvolvidos ata o momento no resto do Estado.

Asemade, a Empresa Pública de Servizos Sanitarios Galaria encargarase de adquirir o conxunto de materiais e equipamentos precisos para pór en marcha o Centro CAR-T e o mantemento das instalacións da USC, ademais de aportar o persoal necesario para a  fabricación de medicamentos de inmunoterapia celular avanzada.

Os resultados da terapia CAR-T publicados ata o de agora evidencian unha grande efectividade deste tratamento en pacientes oncohematolóxicos, con altas cifras de remisión da enfermidade. Por medio destas terapias pódese conseguir que o sistema inmune do paciente recupere, mediante técnicas de modificación xenética, a capacidade de recoñecer e destruír de forma selectiva as células tumorais. Neste senso, a propia American Society of  Clinical Oncology recoñeceu o alto potencial das terapias CAR-T como “avance do ano”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial