A USC segue con Sumo Valor na procura dunha vacina contra o Covid

0

Compostela, 4 de novembro do 2020 – A Universidade de Santiago, USC, segue, coa campaña de micromecenazgo Sumo Valor, axudando a conseguir unha vacina contra o Covid.

A USC traballa na obtención dunha molécula que sexa eficaz como vehículo de transporte dunha posible vacina contra a COVID-19. O profesor Javier Montenegro no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) explica que “trátase dunha vacina baseada no emprego da tecnoloxía do ARN (ácido ribonucleico) mensaxeiro. Estas moléculas codifican na súa estrutura a información para a síntese dunha proteína. Cando penetran no interior das células, a maquinaria molecular comeza a funcionar para sintetizar a proteína que codifica este mensaxeiro”.

Esta tecnoloxía, financiada a través do programa de micromecenado da USC ‘Sumo Valor’, é similar á vacina que está a desenvolver a farmacéutica estadounidense Moderna, que nestes intres está entre as estratexias máis avanzadas na carreira por conseguir un antídoto contra a COVID-19.

Axudas da sociedade

O profesor Montenegro apunta que “O micromecenazgo é moi importante para poder facer investigación pública, en particular cando os resultados da mesma repercuten en toda a sociedade, como é o caso da pandemia que estamos a sufrir. A nosa sociedade vaise enfrontar a grandes problemas de saúde pública, enerxéticos e ambientais e o labor da I+D é fundamental”. A investigación está tamén apoiada economicamente desde o Instituto de Saúde Carlos III.

Javier Montenegro traballando no seu laboratorio do CiQUS. Imaxe de Santi Alvite

“Resposta extremadamente rápida”

As vacinas baseadas na tecnoloxía do ARN mensaxeiro presentan varias vantaxes. Por un lado, ofrecen “unha resposta extremadamente rápida”, explica o investigador. Así, unha vez coñecida a estrutura molecular do antíxeno, é posible deseñar con certa celeridade o ARN correspondente. Dende a aparición do axente patóxeno ata o deseño e síntese do ARN que se necesita para vacinar transcorre moi pouco tempo. Ademais, resulta relativamente económico e sinxelo facer o escalado, é dicir, producir o antíxeno en cantidades elevadas.

A diferenza doutras metodoloxías, a empregada polo equipo de químicos da USC usa un novo vehículo eficiente e non tóxico para expresar a proteína exacta da COVID-19. Segundo indica o investigador, “as proteínas sofren modificacións dentro das células pero a tecnoloxía do ARN mensaxeiro permite estas modificacións, polo que é unha réplica do antíxeno natural”. Javier Montenegro sinala que o principal problema que presenta o ARN é que se trata dunha molécula “moi sensible, degrádase con moita facilidade e non atravesa as membranas das células por si só”. Porén, hai sete anos o equipo da USC identificou o potencial da enxeñaría xenética e da terapia xénica e viron que os químicos poden contribuír a deseñar e preparar moléculas para protexer o ARN da súa degradación e poder entregalo así ao interior das células.

O equipo deseña o vehículo que entrega o ARN nas células, e fano combinando péptidos (pequenas proteínas) con outras moléculas, que se unen utilizando unha reacción dinámica que transcorre en auga e funciona de maneira rápida e eficiente, ao tempo que é reversible, o que significa que o vehículo autoinmólase unha vez cumprida a súa función.

Máxima eficiencia

Os investigadores da USC xa constataron que o seu modelo funciona en animais, presentando máxima eficiencia e sen toxicidade. Agora están a probar se é eficaz con proteínas de coronavirus, se xera anticorpos específicos para proteínas do SARS-CoV-2. O seguinte paso será comprobar se os anticorpos son neutralizantes para o virus, respecto ao que Montenegro se manifesta “moderadamente optimista”. A finalidade é que esta tecnoloxía sexa eficaz para o desenvolvemento dunha tecnoloxía xeral de vacinación para o SARS-CoV-2 e para calquera antíxeno emerxente baseada no ARN mensaxeiro e “cento por cento galega”.

Por outro lado, os investigadores salientan que, no caso de que apareza unha nova familia de coronavirus, sería posible replicar a súa estrutura con rapidez e desenvolver unha nova vacina. E isto sería aplicable a todo tipo de virus porque a proteína que expresa a molécula mensaxeira é exactamente a do antíxeno.

Sumo Valor

A USC ten en marcha o programa de micromecenazgo “Sumo Valor”, unha iniciativa impulsada polo Consello Social e a Vicerreitoría de Planificación e Proxección Estratéxica da USC. Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID-19, a través do apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 a través de microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa. Actualmente, a captación de fondos desta iniciativa ronda xa os 100.000 euros, dos cales 60.000 destínanse a proxectos de investigación contra a COVID-19.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial