Abanca segue pechando oficinas e agora tócalle a da Baña

0

A Baña, 11 de agosto do 2021 – Despois do peche da oficina de Mesón do Vento, en Ordes, Abanca segue restando servizos da bisbarra e pecha a da Baña.

A corporación municipal reunirase este xoves nun pleno extraordinario para rexeitar o peche de Abanca. Dase a circunstancia de que é a única oficina dunha entidade financeira que segue en funcionamento no concello.

O peche obrigará ao desprazamento para realizar xestións o que afectará de xeito moi grave aos veciños e ao tecido económico local.

Os portavoces das tres forzas políticas con representación (PP, PSOE e CB) e máis o do BNG reuníronse para alcanzar unha postura conxunta.  Na reunión estiveron presentes o alcalde, José Antonio Pereira; os portavoces do PP, Andrés García Cardeso; de Compromiso A Baña, César Ramos, e do BNG, Xosé Manuel Magariños; e a concelleira de Política Social, Emprego, Educación, Cultura e Deportes, Mónica González.

Na xuntanza acordouse a celebración do pleno extraordinario do xoves e a redacción dun manifesto co que se quere poñer de relevo o prexuízo que supón para A Baña este peche, que xa é oficial para o mes de setembro pero aínda non foi comunicado de xeito formal ao Concello.

Na actualidade, a única oficina bancaria do municipio é a que agora Abanca decidiu abandonar, situada nun local propiedade do mesmo banco e que, polo tanto, non lle xera á empresa gastos de alugueiro. O pecha da oficina de Abanca afectará de xeito especial no concello xa que existe unha poboación envellecida que se manexa con pouca destreza coas aplicacións de banca electrónica.

Desde o Concello quérese destacar que aínda que esta sexa a decisión dunha empresa privada, hai que ter en conta que Abanca recolle o testemuño de entidades públicas como foron as caixas de aforros, polo que debería seguir mantendo dalgún xeito o aspecto de servizo á sociedade co que aquelas entidades operaban.

Deixar sen oficina a municipios como A Baña acentúa as dificultades que xa padecen os territorios do rural e traballa xusto na dirección contraria ás necesarias políticas que queren devolver a estas zonas a competitividade e dotar aos seus habitantes de mellores servizos e igualdade de oportunidades.

O Concello está a xestionar a celebración dunha reunión coa dirección da entidade para evitar este peche, previsto para setembro.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial