25N Ames contra a Violencia de xénero

0

O Concello de Ames celebrou un acto institucional na praza do Concello co obxectivo de mostrar o absoluto rexeitamento da veciñanza amesá á violencia de xénero mediante o uso de roupa de cor negra. Durante o evento procedeuse á lectura do manifesto, no que os grupos municipais incidiron na importancia de que as institucións se involucren para conseguir a erradicación de calquera tipo de desigualdade entre homes e mulleres, así como na necesidade de que a sociedade se una para acabar con este problema, que xa segou a vida de corenta e tres mulleres e oito menores no que vai de ano.

Ao abeiro da campaña “Ames en negro” e dos actos organizados con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Ames organizou hoxe un acto institucional na praza do Concello para mostrar o absoluto rexeitamento á violencia de xénero da cidadanía amesá. Arredor das 12.00h, procedeuse  á lectura do manifesto e ao reparto de material da campaña Ames en Negro, formado por camisetas, chapas, pulseiras, bolígrafos e axendas, entre outros. O obxectivo deste evento foi tinguir a praza de negro, como mostra de unión e rexeitamento colectivo da veciñanza amesá fronte as violencias machistas.

Durante a lectura do manifesto, que correu a cargo da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, da directora do Centro de Información á Muller, Maite Arufe, os concelleiros de Educación e Cultura, David Santomil, e de Economía e Facenda, Genma Otero, e o voceiro de Ames Novo, Quique Costas, os membros do grupo municipal fixeron fincapé na importancia de visibilizar a violencia de xénero, co obxectivo de seguir avanzando cara á súa erradicación. Un paso vital para alcanzar a igualdade entre homes e mulleres, un traballo de todos porque “nos compromete a todas e todos”.

Neste senso, púxose o acento na necesidade de que as institucións sigan lexislando en favor da igualdade de xénero, que convertan este tema “nunha prioridade institucional e política para as administracións de todos os niveis de goberno”, para o que “é preciso un consenso institucional, político e social así como a coordinación entre as diferentes administracións con competencia na materia”. Podes acceder ao manifesto completo premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas.

Trala lectura do manifesto, que rematou co rexeitamento unánime das formacións políticas presentes cara calquera tipo de violencia machista, así como de quen as exerce e da complicidade de quen as silencia”, Paula Viñas Lamas, alumna do IES de Bertamiráns, procedeu á lectura dun poema propio.

A continuación, contouse coa actuación do grupo formado por Neves Seara, Migui Carballido, Laura Lamontagne e Zeltia, que, da man da Casa Morada, se encargaron da música e a poesía do acto cunha performance sacada do seu espectáculo Silencios Impostos.

Nesta última parte, tamén houbo un momento o recordo das vítimas de violencia de xénero e violencia doméstica que deixou este 2018, coa colocación dunha cartilla por cada unha delas nas escaleiras da Casa do Concello mentres se lles recordaba aos presentes os seus nomes.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial