Bisbarra, 17 de xullo do 2018 – Ames, Brión e Santiago veñen de solicitar dous obradoiros de emprego para formar a 35 alumnos en tarefas relacionadas coa urbanización e a repoboación forestal.
Estes obradoiros levan as denominacións Co-Labora e CreAs. No primeiro deles preténdese formar a 15 alumnos menores de 30 anos, na especialidade de labores de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e outros. No segundo formaríase a 20 alumnos na especialidade de repoboación forestais e tratamentos silvícolas, pavimentos e albanelería de urbanización.
Co-Labora
Este obradoiro está dirixido a 15 futuros traballadores que terían que completar un total de 400 horas de formación (360 teóricas e 40 de prácticas), dende 1 de setembro de 2018 ata o 28 de febreiro de 2019. Para a impartición de dito obradoiro haberá que contar tamén co persoal directivo, docente e de apoio (director/a, persoal docente e persoal administrativo). A práctica laboral realizaríase en obras e actuacións que pretenden a mellora da accesibilidade en zonas urbanas dos concellos de Ames e Brión, actuando sobre todo en zonas de pasos de peóns en Brión e en dúas das prazas máis transitadas de Bertamiráns, no concello de Ames. Deste xeito, preténdese mellorar o acceso á praza da Maía, na entrada desde a Travesa da Peregrina, facilitando o acceso tanto a peóns como a vehículos de emerxencias, en caso necesario, ou aos vehículos particulares que teñen a entrada ao garaxe por esta praza. Tamén se melloraría a accesibilidade na Travesa da Peregrina. Asemade, actuaríase na urbanización Agro Novo, situada na parroquia dos Ánxeles, en Brión, para mellorar a accesibilidade en dous pasos de peóns da urbanización e a creación dun paso novo para poder acceder á beirarrúa nunha zona onde non existe dito acceso. Para a posta en marcha deste obradoiro de emprego solicitouse unha axuda á Consellería de Economía, Emprego e Industria, da Xunta de Galicia, por valor de 144.621 euros. Os Concellos promotores achegarían 39.957,24 euros (Ames 27.864,38 euros e Brión 12.092,86 euros) ata completar un orzamento total de 184.578,24 euros.
CreAs
Por outra banda, os Concellos de Ames e Santiago de Compostela solicitaron unha subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria para o obradoiro de emprego CreAs, que contempla a formación de 20 persoas na especialidade de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, pavimentos e albanelería de urbanización. Este obradoiro tería unha duración de 9 meses, dende o 1 de setembro de 2018 ata o 31 de maio de 2019. Para a impartición de dito obradoiro habería que contar tamén co persoal directivo, docente e de apoio (director/a, persoal docente e persoal administrativo). A práctica laboral permitiría realizar en Ames a apertura de mantemento de vías forestais, mentres que en Santiago de Compostela realizaríanse traballos de urbanización e mellora medioambiental no Polígono do Tambre e a repoboación forestal e melloras silvícolas en Pedra Castro. Deste xeito, acordouse solicitar unha subvención de 287.937 euros, en base á convocatoria de subvencións para os obradoiros de emprego duais, así como comprometer o financiamento da parte do proxecto que non sexa subvencionada por importe de 69.860 euros (Ames poría 9.860 euros e Santiago 60.000 euros). O orzamento total do proxecto é de 357.797 euros.