Ames, 19 de xullo do 2018 – O Concello de Ames está preparando para o luns, 23 de xullo, ás 20.00 horas, unha serie de actividades para celebrar o Día de Galicia. Trátase dun acto institucional, que se celebrará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.
O Día de Galicia en Ames terá música, a cargo de M.J. Pérez e Ailén Kendelman, e se lerán varios poemas por parte dos gañadores do XV Certame Literario do Concello de Ames. Será un evento sinxelo e aberto a toda a veciñanza de Ames no que se fará unha recepción oficial ao catedrático Anxo Carracedo e contará coa intervención institucional de cada un dos grupos municipais.
Recepción oficial ao catedrático Anxo Carracedo
O acto servirá para facerlle unha recepción oficial ao catedrático Anxo Carracedo, que é veciño de Ames. Deste xeito, entregaráselle a medalla de honra do Concello de Ames. Carracedo é recoñecido, ademais de pola súa traxectoria profesional, pola súa visión humanizada da ciencia e o seu compromiso coa divulgación científica. Actualmente coordina a investigación coa labor docente. É profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular na facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.