Ames contra as “cagadas”

0

Ames, 20 de xaneiro, do 2022 – O concello de Ames presenta a campaña “A cagada é NON recollela” co obxectivo de concienciar sobre a necesidade de recoller as deposicións das mascotas.

A “cagada” non será unha campaña que tente motivar a un comportamento cívico xa que para os que non se impliquen contémplanse sancións económicas que van desde os 100 aos 500 euros.

Esta campaña nace despois das reiteradas queixas dos veciños que se atopan a diario excrementos nas rúas. “A cagada é NON recollela” lembra que o abandono de excrementos na rúa e nas zonas verdes supón un risco para a saúde pública, provoca contaminación visual, olfactiva e acuática, e dificulta as tarefas de limpeza municipais.

Á presentación da campaña acudiron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Víctor Fernández. Os tres coincidiron en que as persoas que non respectan as normas son unha minoría, que cometen “faltas de civismo recorrentes, que demostran ao frecuentar sempre as mesmas zonas”, sinalou o alcalde, Blas García. O dirixente local recalcou a importancia de “saber convivir, coa responsabilidade de cada persoa e co respecto entre veciños e veciñas e cara ao mobiliario urbano”.

O Concello de Ames pretende con esta iniciativa chamar a atención ás persoas propietarias de mascotas, en especial cans, para que sexan conscientes do impacto que xeran os excrementos abandonados nas vías públicas, tanto nas relacións entre a veciñanza e os donos e donas de cans como na calidade de vida no concello. “As deposicións crean un certo malestar entre os veciños e veciñas pola insalubridade que xeran”, destacou o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, que indicou que a campaña xurdiu “pola demanda da veciñanza” en forma de queixas en varios departamentos municipais.

A posta en marcha desta campaña de sensibilización virá acompañada dun reforzo da vixilancia por parte da Policía Local. O concelleiro de de Seguridade Cidadá, Víctor Fernández, lembrou que as sancións por estas accións están contempladas na lei e insistiu en que se realizará “un seguimento pormenorizado destas situacións en todas as franxas horarias, sobre todo naquelas horas e lugares nos que se ten detectado un maior número de infraccións”. Neste senso, incidiu en que as labores de vixilancia “manteranse no tempo”, e non só estarán vixentes durante a promoción desta nova iniciativa.

Malia que o eslogan da campaña poña o seu foco nas feces das mascotas, no acto indicouse que os ouriños tamén son parte da problemática e das protestas da veciñanza, xa que afectan á limpeza dos espazos públicos e mesmo á conservación do mobiliario. “Ao pasear polos núcleos de Ames vemos parte do alumeado público desgastado polos efectos dos ouriños, que afectan especialmente aos parafusos e as bases dos farois”, incidiu o alcalde, Blas García.

Ademais, durante a presentación recordouse que durante os últimos anos abríronse, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, espazos dedicados ao paseo e a estancia das mascotas, que “pasarán a formar parte do último contrato de limpeza que se adxudicará proximamente”, sinalou García.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies