Ames, 7 de setembro do 2020 – O pleno ordinario de Ames aprobou un crédito extraordinario de máis de cen mil euros para cubrir a parte correspondente da Plan Reactiva da Deputación da Coruña.
O Plan Reactiva da Deputación asignou ao concello un total de 582.547 euros dos que o concello terá que aportar vinte por cen. O crédito aprobado o pasado xoves cubrirá esta aportación que suporá 116.509,57 euros Este fondo está dirixido ás microempresas e autónomos para facer fronte ás consecuencias da crise sanitaria provocada pola Covid-19.
Este crédito extraordinario supón a diminución de outras partidas. Deste xeito, 68.000 euros procederán do Plan de limpeza de camiños municipais. Neste exercicio 2020 estaba previsto acometer un plan de limpeza de camiños, para a súa reparación, mantemento e conservación. Debido a que este servizo ten que ser licitado e os prazos que conleva este procedemento, estimase que dos 120.000 euros presupostados se pode producir o aforro indicado. Outros 30.009,57 euros proceden do servizo de colaboración na xestión tributaria. Este servizo está en proceso de licitación e estímase que será adxudicado durante o mes de setembro, polo que se vai a producir unha baixa no importe presupostado para dito servizo. Por último, destinaranse 18.500 euros do servizo de ordenación do tráfico e estacionamento, que recollía para o exercicio 2020 a compra de PDAs para os/as axentes da Policía Local. Esta compra non se realizará no exercicio 2020.
Críticas do Partido Popular
O alcalde de Ames, Jose Miñones, explicou que “agora o que se fai é aprobar un crédito extraordinario para que o Concello poida afrontar a achega que lle corresponde do Plan provincial Reactiva. Posteriormente, no pleno ordinario de setembro está previsto que a Corporación municipal teña que aprobar, se procede, a adhesión do Concello de Ames ao PEL Reactiva da Deputación. Despois, haberá que convocar un pleno extraordinario para aprobar, tamén se procede, o Plan de reactivación económica municipal Reactiva Ames”.
Estas declaracións foron moi criticadas polo Partido Popular que, nunha nota de prensa posterior, dicía que o alcalde recoñecera a súa incompetencia e a falta de iniciativa ” No transcurso do debate plenario, o subconsciente xogoulle unha mala pasada ao Alcalde socialista José Miñones, cando recoñeceu, implicitamente, a súa carencia de iniciativa ao recoñecer que o documento das medidas para a reactivación económica do concello, contratado a unha asistencia técnica, aínda está en redacción e vai pola súa novena versión, o que provoca que o concello de Ames sexa a única administración que, a estas alturas, non aportou ningunha medida destinada aos autónomos, pequenas empresas e demais sectores afectados pola pandemia”.