Ames leva a pleno a ordenanza reguladores de terrazas

0

Ames, 27 de maio do 2021 – O concello de Ames leva este xoves ao pleno ordinario de maio a ordenanza reguladora de terrazas despois de chgar a un consenso co sector.

O pleno de Ames tratará tamén a modificación do proxecto de reparación e melloras na Casa da Cultura de Bertamiráns, a modificación da denominación das Comisións Informativas Permanentes, o acondicionamento e mellora térmica da cuberta e fachadas da Escola Infantil Municipal O Bosque, a prórroga do contrato para a concesión da xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo, a aprobación, se procede, do Plan Especial de Infraestruturas e dotacións na Travesía da Moa no Milladoiro, e unha nova modificación da relación de postos de traballo.

Terrazas

Por primeira vez en Ames regularase o uso das terrazas. Logo de que o pasado 14 de maio, o Goberno municipal asinara con representantes da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e da Asociación de Hostalería de Compostela un acordo sobre o texto definitivo.

A ordenanza non só regulará as terrazas. O texto é unha normativa sobre a ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e outros elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos.  

Obras

Por outra banda o pleno aprobará, se procede, o proxecto técnico corrixido da obra de “reparacións e mellora na Casa da Cultura de Bertamiráns” consistente en subsanar as deficiencias de índole formal indicadas polos técnicos da Deputación da Coruña.

Tamén se levará a debate a declaración de interese público para o acondicionamento e mellora térmica de cuberta e fachadas da Escola Infantil Municipal O Bosque. Trátase de prestar conformidade á memoria e declarar que concorren razóns de interese público de carácter cultural, deportivo, social, económico ou humanitario para que a Deputación provincial deba contribuír economicamente con 52.000 euros.

Ademais, inclúese na orde do día  a aprobación, se procede, do documento de Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, de data febreiro do 2021, na Travesía da Moa do núcleo de Milladoiro, con destino á implantación dunha dotación ao privado.

Prórroga do contrato da xestión de limpeza viaria e o Punto Limpo

No pleno someterase tamén a debate e aprobación, se procede, da prórroga do contrato para a concesión da xestión da limpeza viaria e o Punto Limpo do Concello. Será a sexta prórroga do contrato asinado con Urbaser SA o 1 de agosto de 2006 e terá unha vixencia de seis meses.

Comisións informativas

Tratarase asemade unha proposta para introducir modificacións na denominación das comisións informativas permanentes tendo en conta a experiencia de funcionamento dos dous últimos anos. A proposta di que se considera conveniente esta modificación  para adaptalas o máis posible ás areas de goberno.

Outros temas

O Grupo Municipal Socialista presenta unha proposta para aprobación pola que se insta á Xunta de Galicia a paralización da tramitación do Plan Forestal de Galicia 2021-2042, solicitando que se inicie un novo proceso de elaboración do PFG que incorpore aspectos como a redacción dun anteproxecto de partida para a súa divulgación e coñecemento das partes interesadas ademais de outras cuestións.

Pola súa banda, o grupo municipal do BNG leva ao pleno unha proposta “en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentable, xusta e galega, fronte ao espolio e a depredación”, que pide, entre outras cuestións, desenvolver un marco regulador do sector eólico que incremente as garantías sociais, económicas e medioambientais.

A orde do día inclúe tamén unha petición do grupo municipal do Partido Popular para que o alcalde informe sobre o desenvolvemento do Plan Impulsa Ames. Concretamente, pídese unha relación das actuacións xa executadas, das que están en proceso de execución e das que están pendentes de executar. Ademais requírese información sobre a porcentaxe xa executada en función do orzamento, que se especifiquen as modificacións posteriores do proxectos inicialmente aprobado, a data límite para executar a totalidade do Plan Impulsa Ames e a data prevista de execución.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial