Ames Novo e o tripartito que goberno o concello proseguen a negociación dos orzamentos

0

Ames, 1 de febreiro do 2017 – Na segunda xuntanza do grupo de traballo para a negociación dos orzamentos municipais, na que participaron os tres voceiros dos grupos políticos que conforman o goberno local (PSdeG, Contigo Pódese e BNG) e máis a voceira e o concelleiro encargado da área económica de Ames Novo, Pilar Candocia e Quique Costas; avanzouse no proceso que debe levar á configuración dos orzamentos e para o que ambas partes teñen fixada como data límite o 17 do mes de febreiro.

Por parte dos representantes do Goberno expuxéronse as propostas centrais para as áreas de Servizos Sociais e Emprego, áreas que se definen como prioritarias. Asemade, achegouse información sobre o gasto de persoal comprometido e a evolución do mesmo na última década.

Pola súa parte, Ames Novo solicitou que se aporten os datos globais de gasto comprometido, ademais de en persoal, nos capítulos de gasto corrente e financeiros, coa fin de poder contemplar a imaxe global da situación orzamentaria de xeito que permita abordar a distribución por capítulos, previa ao desglose pormenorizado.

Tamén se puxeron sobre a mesa por parte de Ames Novo partidas que, ao seu xuízo, é imprescindible que se contemplen dentro deste orzamento como son: a inclusión dunha cantidade necesaria para iniciar a elaboración dun regulamento de orzamentos participativos que, se ben non se poderán desenvolver dentro deste exercicio, é preciso iniciar para a súa progresiva implantación. Propúxose, tamén, que se contemplen ambas partidas destinadas á elaboración do estudo de viabilidade preceptivo para a remunicipalización do servizo de auga e saneamento, e outra destinada a garantir a posta en marcha dunha Renda de Garantía Mínima municipal.

Catastrazo no rural
Por outra parte, abordouse como reverter no rural o resultado do incremento de ingresos municipais froito do “catastrazo” da Lei Montoro. Neste punto os representantes do Goberno expuxeron que están pendentes que a Deputación da Coruña lles traslade a información solicitada do recadado por este concepto.

A proposta do Goberno é a de destinar nestes orzamentos preto de 300.000 euros adicionais a investimentos no rural durante este ano, dos que 132.000 se definirá a súa finalidade nun proceso participativo xa anunciado ás Asociacións de Veciños do rural, e outros 150.000 se destinarán a obras de saneamento e abastecemento que consideran unha prioridade.

Por parte de Ames Novo plantexouse que se teña en conta o total dos ingresos que se xeran por este impacto da subida do IBI no rural e que se materialicen nun plano bianual que contemple ben obras a facer en cada un dos dous exercicios ou outras que sexan tamén de execución nos dous anos. Con isto salvaríase a cuestión das liquidacións diferidas para as arcas municipais, garantindo ao mesmo tempo a posibilidade de investir en proxectos para as parroquias do rural a totalidade dos mesmos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial