Ames non aproba a rebaixa de impostos

0

Ames, 26 de marzo do 2021 – O pleno de Ames rexeitou todas as rebaixas de impostos levadas a un pleno extraordinario polo Partido Popular.

A sesión tivo que retrasarse ata que intervención e secretaría remataron os informes necesarios. Todas as modificacións, ou derrogacións, propostas polos populares de Ames foron rexeitadas desde o goberno (Psoe, BNG e Cóntigo Pódese) e cos apoios puntuais ou abstencións do grupo mixto (Ames Novo e Ciudadanos).

A única intervención do equipo de goberno foi, ao comezo da sesión, da concelleira de Facenda, Gemma Otero, que defendeu a postura en contra da baixada e a derrogación de taxas, cualificando de “demagoxia fiscal” a proposta do Partido Popular

Pola súa banda Ramón Argibay, voceiro popular, indicou na  exposición de motivos que o pleno tiña un marcado carácter social e que non estaba pensado para amolar ao goberno, que non era un pleno partidista, senón partidario “partidario das persoas que están a pasar moitas dificultades por mor desta crise”.

Grupo Mixto

Foi un pleno con pouco debate e en moitos casos este estivo protagonizado polos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas de Ames Novo e Xosé Ramón Oulego de Ciudadanos. Oulego dixo que coincidía en que procede unha rebaixa das taxas “como xa trasladamos no borrador de orzamentos e moitas están na liña deste pleno extraordinario”; dixo tamén que coincidía na chamada á reflexión que pedía o PP, pero que cría que este pleno debería de terse celebrado antes do Pleno de Orzamentos: “creo que neste momento o pleno non vai servir máis que para sacar unha nota mañá e por riba vai custarlle cartos aos veciños de Ames” . Pola súa banda, Quique Costas manifestou que estaba de acordo en que era fácil facer demagoxia cos impostos, e que á xente había que explicarlle o que paga e porque o paga, dixo ademais que “coincidir no sentido do voto, non significa coincidir nos motivos”. Costas explicou a súa postura con respecto a todos os puntos e argumentou o sentido de cada un dos seus votos. 

Sete modificacións e tres derogacións

No pleno debateuse a modificación do artigo 13 da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre bens inmobles, reducindo o tipo de gravame aplicable aos bens inmobles de natureza urbana ao mínimo legal do 0,40%; a modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre vehículos de tracción mecánica, equiparando as cotas tributarias ás recollidas no artigo 95.1 do texto refundido da lei reguladora de facendas locais (aprobado polo real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo); modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre construcións e instalacións e obras reducindo o tipo impositivo ao 0,10%, e a modificación do artigo 14 da ordenanza fiscal do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana reducindo o tipo impositivo ao 1%.

Tamén se tratou a modificación do anexo I da ordenanza fiscal reguladora da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana, rebaixando nun 20% todas as tarifas contidas no anxo I da ordenanza; a modificación do artigo 6 da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo saneamento e depuración de augas residuais reducindo nun 20% as cotas tributarias; e a modificación do artigo 6 da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola subministración da auga rebaixando nun 20% as cotas tributarias.

Abordouse asemade, a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola licenza de apertura de establecementos ou pola actividade de control posterior daquelas actividades sometidas a comunicación previa ou declaración responsable; a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por expedición de licenzas urbanísticas; e maila derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial